Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Nota de prensa do concello. BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX


Nunha semana o blog ten acollido dúas entradas que recollen de xeito directo a situación do transporte na zona, tendo o tren como principal vector. Por iso coido que debo recoller tamén íntegra a nota publicada polo concello o pasado día 12:

BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX

 Xuntanza polo tren

12/12/2018

O alcalde, Fernando Suárez, asistiu hoxe a unha reunión en Ferrol para abordar a situación da liña de tren que atravesa Ribadeo e o litoral da comarca da Mariña ata a cidade departamental. O rexedor explicou que non asistiu ningún alcalde do PP e que Adif anuncia o inicio dos trámites en xaneiro para renovar as máquinas. Suárez Barcia considera que a xente non utiliza este servizo de transporte público porque ten unha grande falta de credibilidade.

O alcalde declarou que “tivemos unha xuntanza en Ferrol, que foi convocada por responsables de Adif, é dicir do Ministerio de Fomento do goberno do Estado, e tamén da Xunta de Galicia, para tratar de dar unha explicación a esta situación terrible e lamentable que vivimos na Mariña por mor da liña do tren de Feve, concretamente o tramo de Ribadeo a Ferrol. É un treito que máis parece sacado da Transilvania do século XIX, que no lugar onde nos toca vivir a todos e a todas”.

Fernando Suárez contou que “debo dicir que, entre os alcaldes que fomos, non había ningún do PP e iso tamén chama a atención, porque penso que a liña de Feve pasa por todos os concellos, independentemente de quen goberne en cada un, pero alí había do Bloque, do PSOE, de En Marea, etc…, pero non había ningún alcalde do PP. Tamén quero dicir que asistimos con moita prudencia ás boas intencións que parece que agora Adif vai ter con esta liña, no senso de iniciar os trámites para renovar as máquinas, aínda sendo conscientes de que se isto vai a un consello de ministros de xaneiro, os procesos de compra e de adxudicación demoraranse, segundo as súas verbas, entre tres e catro anos”.

O rexedor relatou que “tamén nos explicaron que están en proceso de reparación de toda esta maquinaria rodante, que ten máis de corenta anos en moitos casos, e que o que está provocando en toda a cidadanía, non soamente en Ribadeo senón en toda A Mariña e en toda a cornixa cantábrica, polo menos no que ten que ver con Galicia, unha situación de descrédito desta liña absolutamente, e de falta de confianza de que a xente non usa este medio de comunicación público, ecolóxico e ao mesmo tempo bo, porque non cre nel, porque sabe que vai pero igual non pode volver, porque se estraga, porque vai no tren e ten que acabar collendo un taxi ou volvendo en autobús, é dicir, unha falta de fiabilidade e de credibilidade inédita para vivir no ano 2018”.

Suárez Barcia subliñou que “tamén chama a atención que o representante da Xunta que, durante todos estes anos non exerceu o liderado en todo isto, agora tamén se anime a reivindicar. Parécenos moi ben que se animen agora, pero durante moitos anos que o PP gobernou no Estado non se lle vían esas ansias. En todo caso sexan benvidas e a ver se entre todos podemos volver a dar un crédito e unha confianza a este medio de comunicación que podería vertebrar perfectamente A Mariña, pero que non a vertebra en absoluto porque a xente e a cidadanía non confía”.

O alcalde agarda que “se leven adiante estas talas de árbores, que nos dixeron, para a limpeza da vía e das súas inmediacións, que se liciten uns proxectos de estabilización das trincheiras, é dicir, que dalgunha maneira se lle preste atención a un servizo de comunicación público merecedor de tal cualificativo. Esperemos que estas verbas vaian tornándose en feitos, porque o certo é que estamos acabando un mandato exactamente igual que cando se empezou con estas reivindicacións dende moitos Concellos para poñer en valor isto, xa hai anos. En todo este tempo non se fixo nada e as liñas cada vez están máis abandonadas, a falta de revisores, a falta de persoal, os trens, os vagóns e as locomotoras practicamente están para ir á chatarra, e isto non pode seguir así”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *