A foto da imaxe non corresponde á actual liña de FEVE Ferrol-Ribadeo. A xuntanza que van ter mañá diversos alcaldes que teñen formado unha plataforma da que non forma parte polo momento Ribadeo, si ten relación co mal estado do material rodante, supresión de servizos e ninguneo da liña por parte da xestora de infrastruturas.
Terá lugar mañá en Moeche, di o xornal, pero a atención dos alcaldes parece que se detén en Viveiro, que máis para acó a unión non fai a forza.
FEVE na zona arrastra deficiencias diversas, comezando o ser construída con criterios de resguardo de vía cara ó interior para evitar agresións guerreiras, ou (relacionado), o desaxuste do lugar das estacións en relación coas poboacións que sirven. Pero con todas e con esas, foi (e polo momento, segue) facendo servizo. Sen adaptacións de ningún tipo. Como exemplo, foi pedido un apeadero nas Catedrais, e aínda que non consta que se fixera un estudo de rendibilidade ou conveniencia asociado á petición, o turismo que soporta a praia coido que ben valería que a xestora de infrastruturas o considerase.
Polo momento non hai resposta ás queixas, nin do organismo de ferrocarrís nin das administracións autonómica ou central, se non é para saír na foto. E o ferrocarril segue deteriorándose. Cando non é por falta de material ou o seu mal estado, é por levar maquinistas a outras liñas. Creo que non fai falta estudo para dicir que, a pesar de que na actualidade a liña é inadecuada, a súa perda suporía un atraso substancial para a comarca. Para todos nós.