Aínda non me recuperei do susto de que onte, El Rey presente, foran nomeados embaixadores honorarios da marca España. Si, si, da Marca España, non de España. Traducido, embaixadores do nome comercial e produto dunha suposta empresa España. De xeito oficial, aínda que, polo momento, honorarios.
Aínda non, pero como se xa tivera sido así toda a vida: hoxe atópome no correo electrónico unha invitación a un ‘workshop interactivo’ cun asunto clarificador: “[Master Class] ¿Cómo impacta la Marca País a la comunicación de las empresas?”
É evidente que, máis aló do significado concreto dos dous feitos puntuais que remato de expoñer, cada vez máis a maquinaria do estado está tendo un sesgo de representante das empresas (e polo tanto, das persoas que mandan nelas) e non da xente.
E non só o estado, senón moitas outras institucións. De feito, se hoxe por hoxe en Ribadeo non hai un Regulamento de Participación Cidadá, ao menos en parte é precisamente porque na(s) propostas defendidas polos partidos, aprobadas en primeira instancia, recurridas e hoxe por hoxe non vixentes debido a ese detalle do recurso, o que máis había era participación empresarial, abondo por riba da participación das persoas. Algo que se conxuga, polo outro extremo, a nivel internacional, con que os tratados internacionais de comercio non pasen polos cidadáns (aí está o CETA entrando en vigor antes de calquera referendo ou o polo momento deixado de lado, pero secreto TTIP). E tamén cunha visión lateral, con que se creara unha materia de economía para o ensino medio con libros (que polo momento non se pensan retirar) con adoutrinamento en materia económica como ‘hay que contratar un plan de pensiones “cuanto antes”‘.