Recollo o estribillo da canción das primeiras votacións cando viu a democracia para lembrar que a democracia non é só ‘falar’ cada certo tempo nas urnas, senón tamén actuar. Na defensa de dereitos, actitudes… da propia democracia e da sociedade e cada un dos seus membros.
Anda estes días sobre a mesa o tema do tren de mercadorías diario dende a planta de alúmina-alumino de S. Cibrao a Amorebieta. Dinse cousas como que significa 150 camións diarios que pasarían a inundar as estrada mariñáns (en realidade, na lenta estrada dende S. Cibrao a Barreiros, logo, autovía), xógase co futuro de Alcoa (planta que parece en proceso de venda e da que se esquece unha e outra vez a balsa de lodos que xa está repleta e ameazante), fabúlase con 150 empregos máis de camioneiro e esquécense outras cousas. Unha, que RENFE-FeVE ten suprimido esta tempada servizos de viaxeiros dun xeito incomprensible alegando ‘falta de maquinstas’, indo as dúas cousas en conxunto cara a un pior servizo público e desafección respecto del, e á desaparición do mesmo. Outro, que medioambientalmente (non polas molestias na estrada de 1 camión cada 10 minutos que virían resultando eses 150 camións diarios, case 1/3 do que representa o fluxo de camións para Mirasol cando carga un barco de pasta) e en canto a recursos o tren é abondo máis efectivo que a estrada. Outro máis, que a visión xeral é necesaria para descontar chantaxes de empresas, xa sexa ENCe (o ramal de FeVE para a pasta de papel prácticamente abandoado máis que para facer presión), RENFE-FeVE ou Alcoa, incluíndo nela a mobilización social non só para protestar a favor ou en contra, (que é o que procuran moitas veces, carne de canón que loite polos seus intereses) senón para o mesmo estudo, concienciación e visión de futuro do conxunto social.
Nesas andamos, mais a falta de costumbre (que pasou coa protesta hai xeración e media contra a central nuclear?) de facer as cousas dun xeito colaborativo despois de moitos anos de querer apartar á xente das decisións que afectan a todos para que non molestemos da os seus froitos. E así hai que esperar a que se de a licenza de obra para o faro para que as redes sociais se manifesten de xeito case unánime a favor dunha illa Pancha de todos e para todos. Que ocorrerá neste caso?