Corto e pego dende ‘Física e Química en Ribadeo‘:
O pasado día 20 de maio, en Santiago, tivo lugar o que foi o momento
punteiro en todo o ano para avaliar o estado das relacións entre
ciencia, técnica e sociedade en Galicia. O Consello da Cultura Galega
presentou un informe que hai cousa de ano e medio puxo en mans dun
conxunto de dez especialistas para determinar o estado da divulgación da ciencia en Galicia.
Ó longo das súas 385 páxinas vai desgranando a diversidade de
ecosistemas polos que transcorre a divulgación científica na nosa terra.
Descargable en pdf ou lido apartado por apartado,
presenta -dun xeito rigoroso mais áxil- ata o máis pequeno dos camiños
polo que se pode producir esa difusión, e tamén explora o impacto de
cada un deses camiños na sociedade galega, poñéndoo en relación coas
outras posibilidades e co que se pode vislumbrar fóra da nosa terra.
Como se di no texto, é algo necesario para potenciar a toma de contacto
da sociedade e a ciencia, e polo tanto para o desenvolvemento da propia
ciencia en Galicia.
Nun informe de tanta extensión, hai moitas
partes que gustaría destacar. Collerei só dúas: o impacto da publicación
do informe nos medios e o apartado de feiras de ciencia.
Portada do informe |
A
primeira manifesta algo que circunvala ó informe e que só está en parte
dentro. Os medios de difusión teñen apartado propio no informe. Mais o
informe non parece ter un apartado propio nos medios. O Consello da
Cultura Galega emitiu no seu momento varias notas de prensa e publicou na súa web vídeos da xornada de presentación, pois o acto en si foi acompañado de diversas charlas pola mañá e pola tarde, pequena pezas de difusión científica e dunha táboa redonda na que poidemos participar os asistentes.
Sen entrar en máis detalles, coido que o Consello ‘fixo o seu
traballo’, máis a difusión nos medios quedou abondo escasa; no mellor
dos casos, difundindo algún detalle da xornada e dicindo que o motivo da
mesma fora a difusión do informe. É dicir, quen esteña interesado, que o
lea. Chega con facer unha procura do informe en internet e ver os resultados para comprender que a importancia do tema nos medios tradicionais foi furtada por outras novas doutro tipo.
O segundo cólloo por estar tanto eu como Ribadeo involucrados directamente nel. O apartado de feiras de ciencia. Nel, refírese en boa parte ós datos recollidos na wiki As Feiras de Ciencia na Galiza,
publicación irmá tantas veces relacionada neste blog, e da unha
importancia grande á feira de ciencia máis lonxeva da nosa terra, a Feira da Ciencia de Ribadeo,
na que Mª Jesús Besteiro, dende o comezo, Teresa Díaz, en case todas as
ocasións, e outra moita xente, participamos xunto con moreas de alumnos
nas 22 edicións mantidas dende maio de 1995, primeiro no IES Porta da
Auga e agora no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. A Feira da ciencia
ten xa un longo recorrido neste blog, mais non deixa de ser moi
ilustrativa a comparación con outras feiras de ciencia, de centros de
ensino ou institucionais, que Silvia López Ben fai nese apartado do
informe, e as conclusións que tira da súa exposición. Non furtarei a súa
lectura no propio informe…