Daquela non sabía. Só que estiven, dicían, moi enfermo. Agora si, era hepatite ‘da mala’. Hai moito tempo, de cativo. Estiven en cama cousa dun mes, e tardei en recuperarme. Lembro aquel tempo dun xeito raro…
Hoxe entérome de que o xefe de goberno galego está encausado pola hepatite. Non na cama, enfermo, senón nos xulgados, por considerar que a xente que necesitaba un fármaco da sanidade pública podía esperar porque era caro. ‘Homicidio’, esa é a acusación. Para el, e algúns máis da administración galega enfróntase á acusación de prevaricación.
A conta de que? A conta de seis mortos con condicións para recibir un tratamento que estaba aceptado pero que non quixeron dar porque custaba. A cousa, di o xornal ‘eldiario.es’, complícase. Por exemplo, un médico conseguiu o fármaco para un paciente facendo presión. Había que facela. Non debera ser necesario, pero érao. ‘A cousa’ día un diario en internet. Non a vin na Voz, tamén en internet. Nin no Progreso. A Voz si fala de que ‘o fraude fiscal en España equivale ó gasto de toda a sanidade pública’, algo que se sabe dende hai tempo. Quizais sen fraude fiscal, sen líos como os ‘papeis de Panamá’ (que non son fraude fiscal, ou mellor, que son fraude fiscal permitido e non conta, din) non habería este problema agora, nin as mortes antes.
Por certo, é cousa xa de xaneiro, e sae agora. Remataba de ver na rede un ‘chiste’: “Hoy no ha habido imputado del PP y se añadirá al bote de mañana”. Non caiu esa breva de dilatar un día, non. E que sexa do PP non é só circunstancial, pero o sistema produce imputados abondo que non son do PP. Non tantos como do PP, pero tamén levan unha tempada mandando moito, moito…
Os recortes matan. Algúns crían que era só un dicir. Outros, que unha esaxeración. Outros aínda, que as mortes eran unha consecuencia indirecta. Pois resulta que son unha consecuencia directa.Hai partidas que non sufren eses recortes que matan. Din que o exército é unha delas.
Marcho a traballar. Hai que cambiar o país. E hai que cambiar o sistema.