Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha folga? Así, sen máis?


Atopo no correo a relación de estudantes en folga hoxe e mañá no IES de Ribadeo. Os pequenos tiveron que traer asinado da casa un papel polos pais, os grandes poden decidilo por eles, no caso dos de idade media (sempre falando de ensino secundario) os pais son avisados da folga. En calquera caso, terán falta, quedarán sen explicacións, mais non se exames. As normas son as normas…

Pero o anterior é só unha posta en contexto. O que me chamou a atención é a participación avisada na folga, do orde do 90% do alumnado. Logo, sempre haberá variacións, pero é o que hai. E o que hai parece ser un acordo cunha folga como poucas veces antes fora visto.

E o motivo? Ah, si, esquecíaseme! E non debera!

É en defensa do ensino público. De algo a disposición de todos para o futuro dos nosos fillos e tamén noso. De algo que ven sendo atacado mediante o ninguneo, a falta de interese político, os cambios continuos de plans que marean ó profesorado e presentan ó alumnado ante unha situación irracional, a falta de medios, a desconsideración…

A folga, apoiada mesmo por ANPAs, inclúe tamén reivindicacións concretas, como se ve no cartaz: Non á Lomce (lei que ten partes boas, pero que en conxunto representa outro cambio precipitado sen consenso nin oportunidadesde éxito, voltando á confesionalidade do ensino), non ó 3+2 (no ensino universitario, unha volta de porca á privatización) ou as reválidas no ensino medio, un procedemento que, entre outras cousas, mete a empresas privadas a supervisar o ensino público…

Marcho ao traballo. A folga non foi convocada entre o profesorado.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *