Non é a primeira vez que aparece no blog o tema da vixiancia (ver embaixo). A máis da vixiancia a que nos vemos sometidos ó ter que ceder información á compañía telefónica ou ó banco, e en moita maior medida, imos deixando o noso rastro informativo en internet. Cada vez máis. E, ó que parece, lonxe de fuxir dese sometemento, queremos abrazar un cada vez maior.
Iso se deduce da proposta que, en liña con outras semellantes ó longo da xeografía próxima e lonxana, valorou a ACIA e tamén, de xeito independente, ten pensado propoñer o grupo local de C’s: incorporar cámaras de vixiancia en Ribadeo.
Coido que a idea foi rexeitada xa algunha vez, máis ben por custe ou por baixa delincuencia que por outra cousa. O motivo da vixiancia, o vandalismo ou os roubos, son accións imposibles de solucionar a curto prazo e que necesitan educación en primeiro lugar. Mais requírese solución rápida, e entón dise que se hai vixiancia, non haberá transgresión.
A historia di máis ben o contrario: a vixiancia favorece a transgresión selectiva, cualitativamente máis grave, favorecendo á xente que ten máis posibilidades de saltarse as normas, á que ten máis práctica… e incidindo o castigo sobre os delincuentes e delitos menores ou ocasionais, criminalizando a todos (ou hai alguén perfecto?) mentres se controla a toda a sociedade (o que require por unha parte, un esforzo, e por outra, alguén que exerza o control, que posiblemente estará encantado de exercelo e non o deixará escapar).
Por experiencia persoal, tendo a entrada do edificio vixiada
por cámaras dunha entidade bancaria, podo dicir que non evitou roubos no
edificio, nin que quen os perpetrou siga sen ser capturado por seguir a
ser descoñecido, nin mesmo que un entrante do edificio sexa un dos
lugares máis porcos de Ribadeo, con acumulación recurrente de mexos e
devoltos -en particular, en días de movida-, estando no centro do pobo.
As cámaras non o evitaron e seguen sen evitar esas cousas, pero si me teñen vixiado na miña entrada e
saída da propia vivenda. E é que eu vivo, móvome á vista das cámaras,
pero non son un delincuente profesional, e polo tanto, non estou
preparado para saltar esa vixiancia que si están preparados para saltar con tranquilidade
quenes delinquen de xeito habitual.
Cámara de vixiancia en fachada |
O caso é que, así as cousas, deixar a resposta da instalación en mans da existencia ou non de cartos, implica un si á vixiancia, pendente só da priorización da implantación en relación con outras outras accións que pugnan polos cartos. É dicir, implica que se implante a vixiancia medio prazo. E deixa fóra o sentido ético, a privacidade, o que se vai a facer con eses datos… non tendo tampouco en conta os estudos sobre o rendemento, a efectividade da medida.
Non se trata de ter ou non cousas que ocultar, de secretismo, senón de estar baixo vixiancia e perder a intimidade en función dunha seguridade que tampouco se logra. Coido que a frase ‘quen perde liberdade por ganar en seguridade perde ambas’ (algo semellante dixo Benxamín Franklin) é abondo adecuada e ilustrativa.
—
Sobre a vixiancia e as cámaras en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/10/o-gran-irman-cada-vez-mais-cerca.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/xa-votaches-agora-temosche-vixiado.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/12/os-santos-inocentes.html
E na UE: