A composición das diversas orixes na poboación de Ribadeo é cada vez máis patente, vai saíndo pouco a pouco en diversos detalles. Vese como vai medrando a diversidade da poboación, dos rasgos das caras, os acentos, a cor… e hai medicións que se poden usar para estudar esa diversidade que vai en aumento. Por exemplo, o dato que está aí dende comezos deste curso 2015-2016: o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo ten alumnado nado en España, pero tamén en outros 14 estados diferentes, de Portugal ou Marrocos a Perú ou Brasil, pasando polos Países Baixos. E non se trata xa de fillos de emigrantes galegos nados na emigración, senón de fillos de emigrantes deses outros lugares que están acollidos en España. Por non falar da migración interna dentro das nosas fronteiras estatais, realizada non só dende a veciña Astrias, senón de Cataluña ou Madrid como puntos principais de aportación, pero tamén doutras comunidades.
Unha variación fornte ó pasado, un desafío fronte ó futuro. E non só nun centro educativo onde as referencias comúns xa non están tan claras como o estaban hai tempo, senón no conxunto social, onde pasa exactamente o mesmo.
E, mirando o que pasa, podemos preguntarnos se nos trae máis prexuízos ou beneficios. E a resposta depende de nós. Da nosa postura e mentalidade, non só dos migrantes acollidos. Non somos exactamente nós quen acolle ‘ós outros’, senón a Terra quen acolle a todos, aínda que nós controlemos mellor este espazo próximo porque o coñecemos mellor, estamos traballando neste recuncho máis próximo e estamos organizados.
É difícil beneficiarse da diversidade se non se quere ou non se ten presente. O primeiro punto é recoñecela en plan de igualdade: o coñecemento dos outros sen prexuízos abre un mundo de posibilidades na relación e na construción social, e renova a propia sociedade, facéndoa máis vital, máis forte, conmáis futuro. O evitar a diversidade só xera tensión social.
Mais está claro que unha cousa é ‘a teoría’ e outra, a toma de decisións e a aplicación de medidas levar á práctica esa posibilidade de beneficio mutuo. Nesas andamos.
A Terra, sen fronteiras, un único espazo de acollida para a humanidade. Imaxe da NASA |