Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

16 árbores, 25 comercios, e (por outra banda), moitos euros


Xa hai nova do éxito certo do mercado da Inmaculada Constitución antes de rematar, non sexa que non nos foramos enterar e se perdera unha oportunidade máis de facer propaganda, que estas cousas necesitan comunicación, non coma outras, que aínda que durman os papeis sen contestar pola casa do concello, non pasa nada.

Esta tempada, a máis do mercado, anunciado directamente polo concello, vai o anuncio de 13 000 € de convenio con ACISA, e máis doutros 7 000 € de financiación exclusivamente do concello para o alumeado de Nadal. Non sei se terá algo que ver niso (o lixeiro aumento de contribución do concello para espolear as vendas) o que o ex-xefe de ACISA sexa agora un opositor no salón de plenos. De calquera xeito, coido que hai unha nova relacionada coa animación das vendas que non foi patrocinada nin polo concello nin por ACISA á que se debera prestar máis atención por máis dun motivo.

A nova é que 16 árbores da avda. de Galicia foron engalanados a raíz da iniciativa dalgúns comerciantes (que chegaron a convencer a 25 comercios), sen participación do concello (máis que para a autorización) nin de ACISA (para nada). Cóidoo porque significa unha iniciativa novidosa, sen gasto de mantemento (son adornos, non gasta electricidade) e o xerme doutro tipo de asociación comercial fóra da estrutura actual de ACISA (web en mantemento segundo parece dende abril).

Non penso en que se vaia constituír outra asociación xa, senón máis ben en que o alumeado de Nadal e engalanamento de rúas ten máis desenvolvemento na zona peonil, e mesmo o mercado da Inmaculada Constitución atrae á xente cara ó parque e zonas limítrofes (zona peonil), co que a iniciativa constituiría unha especie de sistema de defensa dos comerciantes dunha zona que se pode ver relegada polas circunstancias. Sistema de defensa, polo que se ve, con menos aportación pública que o institucional.

Deixo unha mostra de fotos tomadas hoxe mesmo:

-Fronte ó nº 7 (dende o mercado, á esquerda)

 -Fronte á anterior, un pouco máis adiante.

 -Ó comezo da rúa, coas luces asignadas á zona en contraste:


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *