Comezou xa o cumio de París sobre o clima. Sabemos que nos afecta, e, ó tempo, sabemos que alí haberá diversas manobras relacionadas con intereses rexidos polos cartos. Porque tamén sabemos que o manexo dos cartos pode paliar ben por agora os efectos do clima (para quen teña os cartos, de paso que lle dan poder e outras posibilidades).
Por iso tamén sabemos (aínda que ás veces non sexamos conscientes) de que, como noutras moitas cousas, os máis afectados por non tomar medidas para estabilizar o clima somos os de a pé, aínda que neste caso, a nosa zona non sexa das que máis sofre, mentras que noutros lugares avanza o deserto ou as illas quedan mergulladas.
Tampouco nos decatamos a miúdo de que estamos contribuíndo ó cambio climático e actuando contra o medio ambiente a traverso de cousas nimias, como o acender a luz.
Mira a túa factura. Se vives en Ribadeo, atoparaste nas facturas recentes unha nota como a que adxunto. Aí podes ver que Viesgo, o novo nome de E-on na zona, que fora a empresa que mercou a Barras eléctricas Galaico -Asturianas e que ó longo da historia non ten o mellor expediente de opresión ó consumidor, ten unha categoría que acredita case a máxima emisión de dióxido de carbono -F- (co máximo de contaminación en G), e tamén en contaminación por refugallos radiactivos -F_ (asemade co máximo de refugallos en G), mentras que se comparamos as dúas rodas de arriba, ou a táboa que as acompaña, veremos que a proporción de renovables que emprega é a metade da media estatal. E, mentras non presionemos, seguirá así. Apostamos ou presionamos?