Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Antonte houbo unha manifestación. Sen imaxe


Antonte houbo unha manifestación. En Ribadeo como noutros moitos lugares. A favor da igualdade. Pola dignidade. Rexeitando a violencia de sexo.

Moitas fotos inundaron as redes. Eu non tiña ningunha. Non fun. Cousa de traballo.

Pola tarde, vin o concello cos sus balcóns tapados, adoranda a fachada cunha pancarta morada. Non se vía ben o que tapaban as letras por riba da violencia. Tomei unha foto. Non saiu. Faría algo mal. Que? Teño que preguntarmo ou tentar amañalo?

Non sei se hoxe segue aínda adornado o pazo de Ibáñez. Comprobareino, e se segue, farei de novo a foto. En lembranza.

Pasou o día, pasou a romería, din. Queda a testemuña de Mª Teresa González Piñeiroa co seu premio no concurso de cartas ‘dillo a quen maltrata’. Saíu no Faro de Vigo como premiado. Non debo poñer a ligazón no blog: cousas das novas regras de internet. Queda aquí:

Benquerida Liberdade:

Escríboche porque hoxe estamos de aniversario. Lembras? Comezamos a relación aquela fría tarde do mes de xaneiro. Había tempo que me botaras o ollo pero eu, aterecida pola friaxe dun amor ciumento e posesivo que me roubara o ser, nin sequera reparara en ti. Que cega estaba! Como puiden malgastar tanto tempo da miña efímera vida?

O meu espírito intrépido de cativa alegre, soñadora e valente sucumbiu aos encantos dos príncipes ensoñados, eses que rescatan princesas sumisas. A Pipi destemida despertou unha boa mañá transformada nunha abnegada Brancaneves que traballaba arreo para satisfacer os agradecidos estómagos de sete varóns protagonistas dun conto patriarcal.

Nacín con madeira de líder, nacín arelando voar. Medrei correndo aventuras enriba da miña prezada bicicleta, esa que “nunca se estropea, Orbea”. Xoguei, xoguei ata doérenme as pernas. Inventei futuros imposibles. Negociei presentes conflitivos, eses que xorden un día calquera no patio do colexio porque eu era a capitá do equipo de brilé e a delegada da clase.

Esa paixón entregada que me fixo querer tolamente todo o que facía e crer firmemente en todo canto lía contaminou paseniñamente o meu porvir. O status quo non se cuestiona, o “sempre se fixo” é a lei. Eses contos da Carapuchiña enganada polo lobo, da nai cabuxa que marcha ao mercado e deixa os cabuxiños desatendidos, da Cincenta vítima dunha perversa madrastra? foron un veleno solapado. Eses contos mataron a miña Pipi.

Coa primavera hormonal agromaron os meus desexos. Quería ser maior, quería ser muller para amar e cantaba esas cancións románticas de “sen ti non son ninguén”, esas baladas de “es miña e só miña”. E busquei, busquei e busquei e fun quen de atopar “a miña media laranxa”. A Pipi xa marchara. A bicicleta pinchou.

Malvivín anos de inconsciencia. Loitei á miña maneira coa vida cotiá. Protexín coma fera leoa resignada as miñas fillas das gadoupas verbais do seu pai. Xoguei o papel de muller perfecta, de esposa sumisa e de persoa feliz. Escollera eu esta vida? Non, non porque ti, Liberdade, non chegaras a entrar no meu pensamento. Matárante os contos, matárante as cancións, matárate a relixión, matárate o patriarcado!

A min non me espertou un bico. A min espertoume unha labazada e dúas e tres. A min espertoume o medo desas noites de insomnio. A min espertoume a imaxe deturpada que o espello me devolveu unha mañá. A min espertáronme as palabras das miñas fillas: “Cando medre quero ser coma ti!”.

Marchei. Lisquei. Sen nada, pero con toda a dignidade. Sangroume o corazón de tanta dor pero camiñei firme cara ao final dese túnel alienante. Impulseime co alento das fillas, coa súas miradas de orgullo, co seu agradecemento diario. Grazas a elas te coñecín, Liberdade.

Esta relación que agora temos perdurará para sempre porque ti es o meu máis prezado tesouro inmaterial. Por ti decido o que quero ser, quen quero ser, con quen quero estar e que quero facer.

Sen ti si que non son nada.

E, despois de ler, volvo a pensar. Bonitas verbas, ogallá non tiveran motivación e por ese motivo quedaran sen escribir.

Pasou a manifestación, suprímese a pancarta e a seguir. A seguir? Pasou o día, pasou a romería? Ou a seguir loitando? Ti elixes. As rúas estan vacías, xa non tes que facerte ver na manifestación, nin tomar fotos e publicalas na rede. Xa es ti, sen máis. Xa podes ser como queres ser. Ás veces, ser non é tan doado. Volve ler benquerida liberdade. Ti elixes.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *