Pedín e Roberto Rodríguez pasoume este artigo publicado o sábado (20151010) na Comarca sobre Isidoro Asensio. Tomeime a liberdade de poñerlle algunha ligazón consecuente co seu uso en internet:
“O próximo 15 deste mes do outono cúmprense cen anos do nacemento do insigne xeólogo Isidoro Asensio Amor. Nacido segundo as súas propias palabras, “casualmente en Sevilla” porque sempre reivindicou a súa orixe galaica por parte da nai.
Será na década dos anos corenta cando visite Ribadeo acompañado precisamente pola súa nai e animado polo seu amigo Enrique Otero Aenlle. Era o principio da querencia de Asensio por estas terras e paisaxes, agrandada cando casou con Elena Nistal. A familia multiplicouse co nacemento dos fillos e Ribadeo pasou a se converter na meta ansiada ó remate de cada ano académico.
A nosa bisbarra engaiolaba un novo científico, doctor en Ciencias Matemáticas e Naturais (Xeoloxía) pola universidade holandesa de Leiden; doctor en Xeografía pola francesa de Estrasburgo e tamén en Farmacia pola Complutense de Madrid.
En palabras de Vidal Romaní, xeólogo da Universidade de Santiago de Compostela, a xeoloxía galega nace no bienio de 1834 e 1835, cando se remata en Ribadeo o Mapa petrográfico del Reyno de Galicia e a Descripción geognóstica del Reyno de Galicia, respectivamente, obras que debemos ó gran xeólogo e enxeñeiro de minas, o alemán Guillermo Schulz, nacido en Habichtwald (Deowerg, Prusia) en 1800.
Se na inxente obra de Schulz parece adiviñarse unha certa predilección por Galicia, a rexión que mellor coñeceu e estudou de toda España, non é menos certo que Asensio foi continuador da obra do propio Schulz, Barrois, Hernández Sampelayo… contando incluso coa colaboración do seu mestre Hernández Pacheco que visitou a comarca a finais dos cincuenta invitado por Isidoro Asensio.
Centos de traballos viron a luz en múltiples publicacións científicas, prensa nacional, rexional e local, desentrañando as caras ocultas ou pouco estudiadas da rasa cantábrica e principalmente da ría de Ribadeo. Foi o profesor Asensio Amor, sen dúbida, o gran xeólogo ribadense do século XX ao que, en palabras de Dionisio Gamallo “ tanto lle debemos os ribadenses”.
Asensio sempre se considerou a sí mesmo un ribadense de adopción e como tal, contribuiu en todo o que lle foi solicitado dendo tódolos ámbitos da vida local, mostrando especial debilidade polos semanarios locais, principalmente por La Comarca, hoxe La Comarca del Eo, para publicar os seus estudos.
Foi Académico Numerario da Real Academia de Doctores; correspondente da Real Academia de Farmacia e membro correspondente do Real Instituto de Estudios Asturianos. Entre outras distincións era Miembro Español del Comité de Medios Insulares, Miembro Correspondiente de España en el Comité Internacional de Geomorfología de Costas (Unión Geográfica Internacional), Miembro del Consejo Técnico Asesor del Patronato Alonso de Herrera (CSIC) e Medalla Santiago Ramón y Cajal del Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Recibiu a Medalla de Prata do Excmo. Concello de Ribadeo e nomeado Director Honorario da Casa Municipal de Cultura de Vegadeo.
A súa fructífera carreira profesional desenvolveuse na Universidade Complutense desde 1944 ata 1984. Exercendo dende 1954 como profesor do curso monográfico de Doctorado Sedimentología y sedimentodinámica na facultade de Xeoloxía.
Realizou a súa actividade investigadora no Instituto de Edafología del Consejo Superior de Investigaciones Científicas de 1942 a 1949 e nos Institutos Mixtos de Geología “Lucas Mallada” e Geología Económica do CSIC de 1949 a 1984. Así mesmo traballou, entre outras, na Gloeilampen Fabrieken Philips de Eindhoven (Holanda) e nas universidades de La Sorbona, Estrasburgo, París, Burdeos, Aix-en-Provence, Marsella, Besancon, Brest, Ámsterdam, Leiden e Groningen.
Entre os seus traballos de asistencia técnica destacan os informes para a mellora de condicións de aproveitamento de recursos naturais; estudios de procesos que contribúen ó recheo de rías e esteiros; regularización hidráulica en cuncas artificiais e mellora de portos con maiores posibilidades de acceso e navegación.
O querido e admirado PROFESOR e AMIGO Isidoro Asensio Amor morreu en Madrid o 6 de maio do 2001 e por expreso desexo seu, dende o 7 de xullo dese ano reposa eternamente no regazo da Ría que tanto amou.
Tomamos prestados para finalizar esta homenaxe os inspirados e fermosos versos do Soneto –póstumo- a Ribadeo de Dionisio Gamallo:
“ … Perdona
que te pida
no me olvides. Te quise
sin medida.
Tú (me sepulto en Ti)
Mi Cementerio.
Aún disuelto en el fondo
de la Ría
-nota suelta de antigua sinfonía
que Porcillán oyó a la Villavieja-
mis átomos amantes
se reagrupan…”
“