Onte chegaron en visita unha coordinadora e 8 directores de centros de ensino profesional da República Checa a Ribadeo. Trátase dunha actividade dun proxecto internacional de APAGA, e van estar pola zona uns días visitando centros educativos e industrias, mantendo contactos con profesores, alumnos e xentes de aquí, ampliando perspectivas de xeito mutuo, … O caso é que hoxe, día da hispanidade, tamén ‘traballan’.
Na recepción de onte, sabían que hoxe era unha especie de día festivo para nós, pero non tiñan as ideas claras, co que fixeron o lóxico: preguntar. E a pregunta foi a caer en min.
-Si, mañá é día festivo. Non, non teño que ir ó traballo.- Pero quedaba a parte difícil: a explicación da ‘festa’.
Fíxeno o mellor que puiden para que tiveran unha comprensión cabal do tema. Un tema que inclúe un dictador, o soño dun imperio, unha raza… e a virxe do Pilar, que, lembremos, ‘non quere ser francesa’, como di a copla, a máis do avistamento das costas do ‘novo continente’ por Colón.
Non sei se lles quedou tan claro o sentemento (pois tamén se falou diso, de ‘feeling’) pero unha vez máis lembroume a min mesmo o que significa a ‘festa da hispanidade’, hoxe, superposta á ‘festa do Pilar’ como un edificio de varios andares que non se sabe moi ben onde remata, pois tamén ten pasarelas a outros recintos próximos…
Imaxe do Pilar de Zaragoza,
no dominio público, obtida de http://gl.wikipedia.org |