Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Primavera?


Por esta época, levo posto no blog varios anos algunha entrada de xardíns colgantes. A conto de dúas fotografías que tomei este fin de semana, retomo o tema con algunha variación.

A primeira é a foto dunha casa que da a r/ San Miguel. Mellor dito, ós restos do que era unha casa. Vista por diante ten moi mal aspecto, pero por detrás, é outra cousa. A vexetación oculta os rasgos da decrepitude, e volve a escea exuberante, mesmo un contraste vivificador fronte á amalgama de cores, estilos, alturas… que se observan na proximidade. De calquera xeito, amalgama ou vexetación mediante, o ver un andamio indicando a recuperación nun futuro próximo tamén fai sorrir desexándolle o mellor á boa da casa.

A segunda foto é a do cine Colón, na Praza de Abaixo. A súa vexetación, rebosante pola beira, acubillouse tamén no interior. O certo é que a foto, tomada como pasaxeiro dun coche, así inclinada, pide case clemencia ante unha posible posición horizontal da fachada, ou, polo contrario, un esforzo para retomar a verticalidade co empuxe da vexetación dende atrás….

 No caso da primeira foto, unha recuperación dun espazo para uso privado. No da segunda, unha perda continuada dun espazo adicado ó público. Aínda hai pouco tempo os seus baixos eran empregados para almacenar materiais diversos de xeito temporal por algunha sociedade. Hoxe, coido que non sería conveniente polo risco que leva entrar no edificio. E mesmo a cornixa, que non ten protección no seu baixo para os peóns, é un perigo que lembra o balcón que se desprendu en parte hai non tanto no antigo colexio dos irmáns a poucos metros, na r/Trinidade.

Eu non fun nunca ó Colón, pero aínda queda moita xente en Ribadeo que si pode ter ido. E debe lembrar o subtítulo dunha obra feita ad hoc pola AVVO Tesón hai algúns anos: “Outro Ribadeo foi posible” (para ver o libro Ribadeo no tempo a través das imaxes). Como dicía nunha das entradas na que trataba estes temas, pode que sexa conveniente lembrar o ‘Ribadeo que queremos‘.

Sobre xardíns colgantes en Ribadeo:

http://ribadeando.blogspot.com/2007/05/auga-sen-domar-volve-seu-cauce.html

http://ribadeando.blogspot.com/2008/07/fesmo.html

http://ribadeando.blogspot.com/2009/08/os-xardins-colgantes-de-ribadeo-n.html

http://ribadeando.blogspot.com/2013/03/visitas-insolitas.html

http://ribadeando.blogspot.com/2013/05/acompasando-o-tempo.html

http://ribadeando.blogspot.com/2013/05/a-consecuencias-do-pleno.html

http://ribadeando.blogspot.com/2013/06/natureza-de-retorno-en-ribadeo.html

http://ribadeando.blogspot.com/2014/05/de-leste-oeste-xardins-colgantes-en.html

Presentación sobre as ‘Casas caíntes’ de Ribadeo: http://ribadeo.webcindario.com/Ribadeo_falls/img0.html


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *