Deixo o tríptico informativo da Semana Santa de Ribadeo ó comprobar que, nestes momentos, aínda non está espallado na rede. E outras actividades, por esta volta todas sen comentar máis aló do que pon onde obtiven a nova.
Algunha cousiña máis programada para estes días:
De Ribadeo.org:
DE LUNS A MÉRCORES HABERÁ DEPORTE NO CANTÓN
Actividades na Semana Santa
26/03/2015
O Concello, a través da OMIX, organiza diversas
actividades para os nenos e as nenas de Ribadeo durante a vindeira
Semana Santa.
O luns, 30 de marzo, de 11 a 13:30 horas no Cantón haberá deportes:
3×3 fútbol, baloncesto e tenis de mesa. E pola tarde no Teatro ás 17:30
horas terá lugar un concerto musical infantil de Pablo Díaz, titulado
Xente miuda, moita fartura.
O martes, 31 de marzo, será unha
xornada lúdica. De 11 a 13:30 horas nova cita cos deportes no Cantón e
pola tarde de 16 a 19 horas no parque de San Francisco haberá tirolina,
inchables e animación musical e xogos populares. Desde a organización
sinalan que “se o tempo non acompaña estas actividades realizaranse
outro día”.
E o mércores, 1 de abril, de 11 a 13:30 horas
volverán os deportes ao Cantón. E pola tarde de 16 a 17:30 horas na Casa
da Xuventude os mozos e mozas de 9 a 14 anos poderán gozar dunha
actividade de musicoterapia. As prazas son limitadas. As inscricións
poden realizarse no teléfono da OMIX: 982 129 889.
Da Banda de Ribadeo:
CONCERTO DE SEMANA SANTA
A BANDA DE
MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADEO OFRECE UN CONCERTO DE SEMANA SANTA O 1 DE
ABRIL NO CINE TEATRO. CONTARÁ COA REINCORPORACIÓN DE DOUS EX COMPOÑENTES
DA FORMACIÓN E DEBUTARÁN 4 NOVOS MEMBROS.
Ribadeo, 25 de marzo de 2015. A Banda de Música
Municipal de Ribadeo ofrece un concerto de Semana Santa o día 1 de
abril, mércores, ás 20.30 horas no Cine Teatro. Nesta actuación a banda
ribadense contará coa reincorporación de dous ex compoñentes da
formación e ademais debutarán catro novos membros, que son alumnos da
escola municipal de música.
O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester,
anunciou hoxe que “no concerto de Semana Santa vamos tocar obras
procesionais e solemnes e tamén outras de igrexa. Pero vai ser un
repertorio variado, non vai ser todo obras sacras senón que tamén vai
haber outro tipo de pezas, pero si relacionadas coa Semana Santa. Neste
concerto temos a sorte de que vamos contar coa participación dalgún
músico máis dos habituais, xa que algúns que formaron parte da banda
únense outra vez e xente que está recibindo clases na escola tamén se
inician na banda e para eles vai ser o seu primeiro concerto”.
David Ballester invita “á xente de Ribadeo e á que vai estar neses
días por aquí a que pase polo Cine Teatro o mércores, día 1 de abril, ás
oito e media da tarde para gozar o máximo posible dese concerto.
Esperamos que todas as obras que vamos interpretar sexan do seu agrado e
poder ter o Cine Teatro como no último concerto, Aquí como en Viena,
cando estivo cheo ata arriba”.
Tamén de Ribadeo.org:
CASTRO SUBLIÑA O MOVEMENTO ECONÓMICO DO TORNEO
II Copa Deputación de Baloncesto de Base
24/03/2015
Ribadeo e Lugo acollerán esta fin de semana a II
Copa Deputación de Baloncesto de Base. O evento presentóuse esta tarde
no novo pavillón ribadense. Son 45 equipos de 22 clubes, asociacións ou
escolas deportivas da provincia os que participan nesta cita. 25
conxuntos competirán o sábado, 28 de marzo, en Ribadeo nas categorías
premini e minibasket, mentras que 20 de infantil e cadete farano o
domingo en Lugo.
O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte, o nacionalista
Antonio Veiga, presentou esta tarde no novo pavillón polideportivo de
Ribadeo, xunto ao concelleiro de Deportes da localidade, o tamén
nacionalista Vicente Castro, e a representantes e xogadores do club
anfitrión, o Hotel Bouza Ría de Ribadeo, a segunda edición da Copa de
Baloncesto de Base, que se disputará a próxima fin de semana na vila
ribadense e na capital da provincia. O sábado 28 de marzo será a quenda
para as categorías de premini e minibasket en Ribadeo, onde se darán
cita 25 equipos, mentres que o domingo, día 29, no Pazo Provincial dos
Deportes e no seu Anexo reuniranse 20 equipos, que loitarán polo título
nas categorías de infantil e cadete.
Polo tanto, un total de 45
equipos, pertencentes ás categorías inferiores de 22 clubs de toda a
provincia, participan nesta nova edición da Copa Deputación de
Baloncesto de Base, que comezou a celebrarse o ano pasado por
iniciativa da área de Deporte da institución provincial. “Cremos que é
un xeito estupendo de potenciar e fomentar o deporte base”, sinalou
Antonio Veiga.
O concelleiro de Deportes, de Ribadeo, Vicente
Castro, subliñou que “unha vez máis poñemos as nosas instalacións a
disposición da Deputación e de todos os organismos que queiran organizar
aquí eventos deportivos, como foi recentemente, en concreto a semana
pasada, o campionato galego individual de ximnasia rítmica. A liña que
seguimos dende a inauguración do pavillón é poñer as instalacións
deportivas para xerar movemento tanto deportivo como económico en torno a
estes eventos. Contamos que nesta fin de semana Ribadeo se encha o
sábado de rapaces, pais e nais de cativos de toda a provincia”.
600 nenos e nenas de catro categorías
A
marxe do meramente deportivo, Veiga lembrou que “esta Copa se puxo en
marcha coa intención de potenciar outros factores entre os máis novos,
coma os valores deportivos e especialmente a convivencia entre todos os
nenos e nenas e as súas familias”, apuntou. Asemade, o vicepresidente
provincial destacou que “nesta cita participarán preto de 600 nenos e
nenas, repartidos en catro categorías tanto masculinas coma femininas,
sendo para moitos nenos e nenas a primeira experiencia nunha
competición”.
A Deputación cubre todos os gastos do torneo
Antonio
Veiga salientou que “a práctica totalidade dos clubs de baloncesto da
provincia participan nesta Copa, achegando equipos dende todos os puntos
da provincia. Deste xeito, estarán representados os seguintes clubs:
Burela, Viveiro, Ribadeo, Estudiantes, Maristas, Hierros Ferreiro,
Galén, Martínez Otero de Foz, Franciscanos, Divina Pastora, Sarria,
Sagrado Corazón e Lourenzá-Mondoñedo”, remarcou. Veiga destacou que “a
Área de Deporte da Deputación corre cos gastos de manutención e
transporte para todos os equipos e todos os participantes. Ademais, cada
equipo, é dicir, os 45 inscritos recibirán un regalo de material
deportivo e cada xogador terá un detalle de participación, así como os
trofeos para os equipos finalistas”, avanzou.
Pavillón funcional e adaptado ás necesidades do evento e dinamización hostaleira
O
responsable da Área de Benestar e Deporte lembrou que “Ribadeo ten un
espazo para acoller este tipo de competicións grazas ao esforzo
económico realizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación neste
mandato, onde investimos 2’5 millóns de euros para a construción deste
novo pavillón totalmente funcional e adaptado”, afirmou. Finalmente,
Antonio Veiga tamén sinalou a “dinamización económica que supón para a
hostalería de Ribadeo, xa que o sábado serán moitos os pais e nais que
se achegarán a ver os partidos e, polo tanto, consumirán nos bares e
restaurantes da vila”, rematou.
E máis:
Open de Semana Santa de Tenis, do 1 ó 5 de abril (inscricións xa cerradas), actuacións en locais…