Non é a primeira volta que falo do tema dos aeroxeradores do porto (31 de outubro de 2012,). Pero continúa a ser o mesmo, sen variación, logo repito de cando en vez, a modo de lembranza.
Embaixo, un dos flamantes aeroxeradores do porto deportivo. As súas aspas, cada unha cunha inscrición anunciante, do fabricante ó CN Ribadeo (por certo que hoxe non podo acceder á súa web), pasando por inelsa ou Portos, nun bonito marco, a ría de Ribadeo.
Pegado a el, na varanda, información das súas características, incluíndo a súa produción enerxética.
A torre non deixa de ser chamativa se mire por onde se mire.
E, se se mira un pouco máis embaixo, unha sorpresa: ningún cable, a torre non está conectada, vai ó seu aire, sen producir enerxía. Non ten ningún sistema Tesla de transmisión a distancia, non. Xa está oxidándose pero a súa produción enerxética foi 0. Para anunciar ou saír nas novas cunha fonte de enerxía renovable para o porto, iso xa é outra cousa…