Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Claridade, que entre a luz!


Pásame un amigo unha nova dun boletín de CXG, pero con orixe nos xulgados. Collo os dous parágrafos que considero de máis peso:

A semana pasada tivo lugar no Hotel Méndez Nuñez de Lugo unha rolda de prensa de Compromiso por Galicia, na que participaron o Secretario Nacional de Política Municipal da organización galeguista, Iván Marrube, e o Secretario Xeral da formación, Xoán Bascuas, onde se deu a coñecer a sentenza do Tribunal Constitucional do 26 de setembro de 2013, publicada no BOE antonte mesmo, no que recoñece o dereito de todo cidadán e de toda cidadá a acudir ás Xuntas de Goberno Local, excluídas as grandes cidades. De igual modo anunciouse a presentación de mocións en varios concellos neste sentido.

Segundo Iván Marrube, a citada sentenza “supón a maior medida de transparencia nos concellos dende fai moitos anos, e coñecendo como funcionan a maioría de alcaldes, dubido que acepten cumprir a lei”. A senteza permite o acceso público ás Xunta de Goberno Local, “a todas aquelas nas que se traten asuntos delegados polo Pleno”, de igual modo que se esixe que se publiciten “datas, horarios e contidos das mesmas”. O tamén Secretario de Política Municipal apunta que Compromiso presentará unha moción nos concellos para que os equipos de goberno “asuman de forma inmediata a sentenza do Tribunal Constitucional de 26 de setembro de 2013, e que se publicite do debido xeito por parte do Concello as datas e horarios, así como as ordes do día para posibilitar o cumprimento da mesma”, e que así a sociedade poida exercer o dereito cidadán que ten de presenzar as Xuntas de Goberno.

Collamos agora o caso Ribadeo, en tres partes.

Parte 1.

Dende o 2004 hai unha norma aprobada en pleno a raíz dunha petición da avv O Tesón para a aplicación da lei correspondente. A máis de ir ós plenos, que xa se podía ‘dende sempre’, pódese preguntar, sendo respondidos ‘fóra do pleno’ con certas limitacións. Isto da lugar a que as respostas non se recollan en acta, non se poda replicar, que como non é no pleno se teñan levantado concelleiros antes da resposta ou que quedaran sen responder durante varios plenos, entre outras casuísticas e a máis de que parece que a duración media dos plenos alongouse dende a aprobación da norma.

Parte 2.

Aínda que foi pedido repetidamente que os plenos foran debidamente anunciados, segue sendo algo complicado enterarse da data e do contidos dos mesmos e a súa importancia para a xente, o que propicia -xunto coa duración e opacidade nos mesmo plenos- que a asistencia sexa moi baixa, afondando o desapego da xente á política que nos afecta a todos pero que queda reducida a un coto pequeno. Isto leva a outras cousas, como a que determinados políticos teñan sido mestres de ocultación ou a que se confunda acción política no sentido de partido con acción de concienciación e activación da xente, pretendendo igualar no negativo (responsabilidades, ‘vida pública’, …) xente con poder de decisión e remuneración con voluntarios sen poder institucional, entre outras moitas cousas. Mesmo a publicación das actas faise dun xeito totalmente irregular no tempo, a máis de farragoso e en puntos, incomprensible se non se teñen outras referenzas para a súa letura. Agora, vista a sentencia, é natural que me entre a dúbida do seu cumprimento efectivo, varios pasos máis aló do que se da en Ribadeo.

Parte 3.

Dende hai máis de un quinquenio hai pedida a realización dun regulamento de participación cidadá. Teño xa falado moitas veces del (mesmo fixen unha serie semanal na Comarca e no blogou aquí-), e participado en varias propostas: dunha asociación, dun conxunto, corrixindo unha proposta do concello … ata agora non o hai, tendo en conta ademáis que tódalas propostas se quedan abondo curtas en relación ó que podería ser desenvolto, que o concello non contestou unha soa -aínda que por parte veciñal si contestou a súa-, que non atendeu a ningunha das suxerencias veciñais cando as pediu ou que a única votación realizada fora sobre un texto que ninguneaba á xente (non ás empresas)

Tendo en conta que noutros lugares (certo que en poucos) a transparencia e participación parece exemplar, agora toca levar a resolución á práctica. Dende fóra do concello, como persoa ‘non pública’, non se me ocorren grandes dificultades…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *