No seu momento, a relación político-social cambiou lixeiramente coas prácticas de Gandhi, que introduxo de xeito práctico a non violencia fronte a unha violencia institucional. En España o que chaman democracia e non o é está facendo experimentar á poboación, a nós, un abano de prácticas, dende a violencia (pouca, estimo) ata o apartarse do mundo na procura dun nirvana (tamén pouco, no outro extremo), pasando por cousas como a protesta nos bares (demasiada), activismos diversos, renuncias varias, etc. Tamén a consecuencia desa procura estoume atopando na rede desde manuales de violencia urbana a algo máis gandhiano, relativamente. Isto é o que deixo hoxe: o manual de desobediencia civil, económica e integral. Non é exactamente gandhiano, senón unha segunda edición de algo que ten múltiples funcións aínda que non se chegue a aplicar ó comezo. Algo que non está dirixido exactamente contra a merda de contaminación política que temos, senón que vai máis aló, tentando procurarlle as cóxegas ó sistema que permite tal dexeración. Claro que, mentras non se aplique cunha masa crítica abonda, quedarémonos sen saber se é unha posibilidade de alternativa ou sinxelamente é un exercicio de virtuosismo.
De calquera xeito, a descomposición do entramado político cólase ata Ribadeo, como estamos a ver dede hai tempo, pero últimamente máis ó xeito do que pasa en España enteira (e cada vez máis, vése que España máis que unha excepción, é un paradigma dunha maioría na que cada caso ten a súa especificidade), o que fai máis acuciante o uso de pequenos xestos. Gandhi non vai vir a Ribadeo: xa morreu, xa o mataron. Teremos que procurar as nosas propias vías, sen illarnos nun mundo cada vez máis conectado, tendo en conta aquela orde tan útil que nos di ‘actúa de xeito local, pensa de xeito global’.