Ben, si, foron. E aínda que pareza que hai continuidade, hai novidades abondo. A nivel Galicia, aumenta a abstención, primeiro bando en cantidade de elección, pero sobre todo, entendo que aumenta a consciencia da abstención. É dicir, nestas eleccións deuse o paso do pasotismo político desinteresado ou adocenado ó pasotismo plenamente consciente. Algo que, polo demáis, se manifesta nos comentarios electorais.
Igual que no xogo da perindola, agora tocou o ‘todos perden’, se exceptuamos a Beiras, e aínda así. Porque todos perden votos, a mans cheas, mentras os votos en branco e os nulos seguen tamén a aumentar. E mentras que o dito é evidente, cada partido parece que tenta facer as súas análises máis ou menos de xeito individual, co que o contexto de descreto político desaprovéitase.
Aínda así, ahi triunfalismo no PP, que coa terceira parte dos votos consegue unha folgada maioría absoluta, e unha indisimulada explosión de xúbilo en AGE que me parece lóxica por ser un resultado con só un mes de preparación, pero totalmente ilóxica tanto polo resultado dentro do conxunto como polas dificultades unha unión feita ás présas e menos por ideas que por perspectiva electoral.
CxG, desaparecida ata nos comentarios, UPyD coa perspectiva de ter esgotado o seu recorrido electoral a nivel do estado a non moi longo prazo, e Mario Conde (que non un partido), ignorado. O resto de minoritarios, minoritarios quedan, tendo Beiras rendibilizado o descontento que poideran ter aproveitado. Quizáis unha excepción co partido dos escanos en branco, votos que se poderían asemellar ós votos en branco, alomenos dende certa perspectiva.
O PSOE? Coa súa tradición, poderá reinventarse, levantarse e voltar ó ruedo como partido grande. Pero antes necesita condicións de seriedade e consistencia interna (de estrutura e ideas) que parece que está lonxe de lograr.
O BNG quedou noqueado, pero en contra do que lle pasa a AGE, ten unha estrutura detrás e sábeo. Do que non estou tan seguro é de que sexa consciente de que se houbo unha escisión non debeu ser só por causas de mesianismo. Cónstame que hai xente que quere facer análise das causas da derrota, pero coido que a clave elixida é interna, e non en función de toda Galicia.
O PP está sendo advertido de xeito inconexo de que unha victoria en Galicia non é extrapolable (aí está o caso vasco), do aumento do partido abstencionista, etc, pero a victoria pode obnubilar as mentes, e así se amosa unha e outra vez. Queda quizáis a esperanza de que a maioría absoluta folgada de deputados se case coa magnanimidade de victoria que ‘se sabe’ incontestable e a partires dun contacto asimétrico tal, se poda facer unha pequena rexeneración de ideas. Pero non parece, co horizonte en lograr algún posto extra que poidera caer e ser ocupado.
Voltando a AGE, os tempos do mesianismo, a pesares das ansias dun Caudillo que se representan por algures, coido que teñen pasado, e se ben Beiras arrastrou, as coalicións son coalicións e esta ben o manifestou nas súas papeletas, cos símbolos de Anova e EU, unha vez case fóra das listas Equo e Ecosocialistas. Quizáis, ata podería tinguir de galeguismo a EU por un tempo, pero a pesares dos resultados e do sorpasso do seu antigo partido, o BNG, antes de chegar a algo necesita unha visión de conxunto interno para deixar de ser un merlo branco (vermello) para convertirse en algo de máis longo alcance. A menos que a situación dexere abondo antes de catro anos …
E en Ribadeo? O PP, como no resto, co BNG facéndolle fronte a nivel PSOE e ben por riba de AGE. O alcalde tira como icono, e a estrutura interna do BNG, a presión, aguantou o resquebraxamento xeral. O futuro, de calquera xeito, complícaselles.
En fin, comentarios post-electorais onte poideron verse, escoitarse e lerse unha morea. Iste é un máis de a pé de rúa, que aprezo por ser meu, igual que cada un dos electores terá o seu, consciente de que non son politólogo nin siquiera político no sentido que moitas veces se lle da, senón político sinxelamente por ser persoa… (iso si, non saín elixido por Ourense)