Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

PATRIMONIO MUNICIPAL (e II) – Artigo e Evaristo Lombardero


Continuación de Patrimonio Municipal (I)

En EL PROGRESO do 29 de Setembro comentábamos que no último pleno o concello de Ribadeo acordou rexeitar a solicitude da Comunidade Monte Cordal de As Anzas da devolución dunha parcela do monte onde se construiu a antiga escola nos anos 58-59. O alcalde argumentou que o terreo era patrimonio municipal (rexistrado polo concello no derradeiro ano do franquismo). Os grupos da oposición respostaronlle que debera presentar algún informe técnico que avaliase a sua posición. O representante do PSOE argumentou que o proceso levaba o camiño dun contencioso administrativo e xa se sabe que os pleitos poden gañarse ou perderse.

Vou citar agora catro sentencias favorabeis ás comunidades veciñais en casos similares ao tema que nos ocupa.

1.- Veciños de Obe: asunto FABRICA DE PARQUET. A comezos dos anos 70 o concello vendeu unha parcela do monte comunal de Obe a unha sociedade creada para construir unha fábrica de parquet, por un precio simbólico de 1 peseta o metro cadrado. Por circunstancias que descoñezo a empresa deixou de funcionar ao pouco tempo. Posteriormente un grupo acreedor fíxose ca titularidade da parcela que mais adiante foi subastada. No ano 1.982 os comuneros de Obe recuperaron a gran maioría do monte veciñal, pero neste expediente non figuraba a parcela da fábrica de parquet e tiveron que pleitear ata acadar a sentencia favorable hai tres anos. Folga suliñar que o concello vendeu a parcela sendo “patrimonio municipal”.

2.- Veciños de Balboa. Hai mais de trinta anos, un particular inscribiu ao seu nome unha parcela de 82 hectáreas do monte veciñal de Balboa (Trabada). A operación parecía tan consolidada que se chegaron a vender algúns anacos de dita propiedade. Os comuneros de Balboa estiveron 23 anos pleiteando ca oposición do concello de Trabada e da Xunta de Galicia. Finalmente hai uns sete anos conqueriron a sentencia firme que lles devolveu as 82 Has da súa propiedade.

3.- Veciños de Toxoso, parroquia de San Simón da Costa (Vilalba) contra acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galicia de 2-11-2000 que concedía autorización para un parque eólico nun monte comunal. Sentencia inicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 26-10-2006 rexeitando a reclamación veciñal e sentencia firme de 2-3-2011 da Sala do Contencioso-Administrivo (Sección 5ª) do Tribunal Supremo anulando a anterior e dándolle a razón a catro veciños frente ao Goberno da Xunta de Galicia e a unha multinacional dos eólicos.

4.- Veciños de Salceda (Pontevedra) contra Ministerio de Defensa e Concello de Pontevedra. Sentencia (recurrible) do Xuzgado de 1ª Instancia de Pontevedra de Setembro de 2011 favorable aos veciños que reclaman 180 hectáreas de monte comunal, onde está instalada actualmente a Brigada de Infantería Ligera Aerotransportable (BRILAT). A finais do século XIX o exército ocupou unha parcela do monte, que posteriormente ampliou no ano 1.965 por cesión do concello para construir un cuartel (naturalmente era “patrimonio municipal”). Xa no 2008 o Ministerio de defensa ampliou unilateralmente os terreos ocupados para construir “campos de maniobras”, ata completar as 180 hectáreas. Os veciños reclamaron sucesivamente a propiedade, agora recoñecida polo Xuzgado de 1ª Instancia de Pontevedra, despois de acreditar o seu uso dende o século XVII. En INTERNET hai abondosa información sobre este caso.

Dende as transferencias ás CCAA as leis de Montes veciñais en Man Común son mais favorables aos veciños do que foi a primeira do 1968. Sentencias hainas a centos, traemos estas pola sua especial significación. Xa sabemos que non hai dous casos iguales pero tódolos indicios apuntan a que neste caso o concello ten tódalas bazas para perder outro xuicio.

Evaristo Lombardero Rico


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *