— 4ª parte; 3ª parte; 2ª parte; 1ª parte —
‘Todas as enfermidades da democracia poden curarse con máis democracia’ (Alfred E. Smith, foi Gobernador de Nova York)
Despois dunha introducción ‘histórica’ e unha pequena análise ó Regulamento Orgánico de Participación Cidadá de Ribadeo aprobado no pleno de xaneiro de xeito inicial, queda o remate da serie: as disposicións ó final do texto e un comentario.
En canto ás disposicións finais, a que leva o nome de disposición adicional reflexa a subordinación do regulamento a diversas leis (se ben dun xeito sui generis: supón que só no non previsto, e non como subordinación total que é a realidade). Por orde de datas de promulgación, estas leis serían:
Lei 92/1960, do 22 de decembro, reguladora do dereito de petición
Lei 2/1980, do 18 de xaneiro, reguladora das distintas modalidades de referendo
Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local
Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, do 28 de novembro de 1986
Lei 30/1992, de 26 de novembro do réximen xuridico das administracións públicas e procedemento administrativo común
Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia. Estas dúas derradeiras serían as que farían desfasada a versión anterior do regulamento aprobada de xeito inicial con anterioridade a elas, e nunca aplicada.
A disposición transitoria xa foi comentada con anterioridade. Textualmente di: ”No referente ao procedemento para a designación dos representantes veciñais, previsto no art. 20, estarase ó que, previa consulta coas entidades representativas do movemento veciñal e a xunta de voceiros, se dispoña por resolución da Alcaldía.” Queda con elo un dos puntos claves da representación, a propia elección de representantes, sen resolver.
Co anterior, e visto en conxunto, o regulamento parece fortemente escorado cara a unha representatividade mediada, en particular, por entidades relacionadas coas empresas, en detrimento da representación das persoas, e controlada dende unha posición dominante, polos partidos. Copio o artigo 23.1 da Constitución Española (que se pode consultar por exemplo en http://www.congreso.es/constitucion/ficheros/c78/cons_gall.pdf): “Artigo 23
.1. Os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en
eleccións periódicas por sufraxio universal.
” É dicir, a participación pode facerse por medio directo se así se desexa, ou pode delegarse. A delegación é o xeito usado, pero a participación directa está sendo menoscabada.
Fronte á proposta deste regulamento, no seu momento presentouse por parte da Mesa de Asociacións unha variación do mesmo, coa pretensión de botar a andar na participación en Ribadeo cun un mínimo que fixera que o déficit de democracia non fora alarmante. Estimouse que non era ideal, senón unha situación de compromiso tentando acadar uns mínimos. Mesmo se comentou que a proposta (que se pode consultar en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Accións+diversas) non era moito menos farragosa que a aprobada inicialmente. Non obstante, e por propia consistencia, foi presentada de novo como alegación pola AVV O Tesón, a modo de enmenda á totalidade e tentando non apartarse do ‘menos malo’.
Chegados a este punto, enfrontámonos a varias posibilidades. Está a ‘solución dos 90’, pola que quedaría sen entrar en vigor e relegada a participación cidadá a unha solución ‘sine die’, por non ser votadas as alegacións. Estaría outra posibilidade, de aprobar o regulamento de xaneiro de 2011 aceptando algunha alegación, que sería máis ou menos boa ou mala segundo as reformas aprobadas. E por último, a que estimo ideal en forma, pero con diferenza a máis alonxada en probabilidades: a de recomezar a bo paso para construír un regulamento de participación aplicando xa un embrión desa participación. Algo que por certo, e como queda dito nunha entrega anterior, parecía que ía ser a opción elixida esta vez.