Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Comeza a propaganda eleitoral. Crítica doada


O dicir que comeza a propaganda é un xeito de falar, pois na actualidade as novas son propaganda de xeito continuado. De calquera forma, o recibir o primeiro folleto propagandístico dos partidos, enfocado xa de cara ás próximas eleccións, marca outro novo paso no ciclo de propaganda eleitoral. Neste, o adianto ven da man do ‘Parladoiro’, o ‘Voceiro do BNG de Ribadeo’. Coido que é doado de criticar. Non porque exprese poucas verdades, senón porque se pode opinar dalgunhas presentadas como tales. O que ten estar no goberno municipal é o que ten: permite dicir o que fixeches, pero tamén permite comparar co que está feito.
A parte quedan cuestións de tipo técnico – propagandístico. Diso podería dicir abondo máis Ángel Alda, pero sinxelamente ver como unha publicación de calidade de imprenta remata no chan con abonda frecuencia nuns tempos nos que medir os cartos para que cheguen a fin de mes é un arte incita a pensar na efectividade dun gasto considerable. E desata a comparación do gasto nunha web que non existe (na realidade si, pero a información que presenta nestes momentos é correspondente ás anteriores municipais, candidatos incluídos). Web que sería dinámica, encadrando por exemplo cousas como a presentación da exposición sobre toponimia do concello, realizada onte (ver webs de referencia aquí), ou o comezo das sinaturas de adquisición de parcelas do polígono industrial, das que hai unha nota de prensa municipal, ou a apertura da rúa Villandrando despois das obras, xa realizada, e que en certo xeito se contrapón en imaxe á a rúa en obras que aparece na mesma progaganda impresa. Pero iso sería comparativa de estratexias propagandísticas, á que se podería replicar con máis ou menos razón dicindo que gran parte dos e das votantes ribadenses (cada vez menos) non acceden á web, por exemplo.
É moito máis doado coller as fotos da publicación e comezar a procurar defectos, algo que supoño que antes de que saia este artigo xa terá feito moita xente. Así, na contraportada sae una foto do antigo lavadoiro dos fornos no que aparece ‘local de reunión’, e no que se ve aínda en obras, pegada con outra do alcalde ‘reunido doas asociacións ribadenses’ cando a xuntanza correspondente leva un tercio de ano de retraso.
Na polémica orzamentaria, insistindo algún sector da oposición nun aumento das débedas e poñendo o énfase en que é posible unha suspensión de pagos, mentras que o goberno di que hai unha diminución de débedas, aparece unha cabeceira de páxina anunciando ‘e todo o que fixemos logramos sacalo adiante sen pedir un préstamo bancario’. Mentras que o goberno non faga percibir á cidadanía a realidade das súas afirmacións, coido que a afirmación pode ser contraproducente.
Repito que é o máis doado. Meterse no que di que se fixo máis en profundidade require máis traballo, aínda que poida ser máis gratificante o paseo polas fotos nas que se ve que Ribadeo mellora, pero … iso xa se ve como propaganda, e coido que para ser boa propagada, non ha de verse como tal.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *