Na foto, o nivelado da base do peirao de Mirasol, tomada a semana pasada.
Alerta UPRi de que Ribadeo está a piques de perder a delegación do ISM que mantén na Casa do Mar, e propón tomar medidas preventivas. É de supoñer que a información sexa certa e que se teña pensado pechar a curto prazo, e non sexa un bulo. De ser así, sería un momento de levantar vontades para manter a delegación da institución, e non perdela como tantas outras cousas.
A nota de prensa lévame á reflexión sobre como se vai transmitindo a información dende as institucións ó pobo, algo que cada vez parece máis opaco en orixe nestes tempos que corren (despois dunha tempada de avance democrático na que se desfixo un pouco a opacidade), co que as decisións tomadas nas alturas non deixan tempo a reaccionar e menos aínda á participación. Pero tamén por eso, da que pensar a posibilidade e existencia de bulos diversos debido á desinformación. E así, boto de menos na noticia a petición de confirmación oficial e aclaración do que se pretende facer: non dubido que se se tenta levantar á sociedade para xerar unha oposición ó desmantelamento do ISM ribadense, se teña a seguridade de que tal cousa vai pasar, pero nese caso, deberan saberse, e polo tanto dicirse, tamén o por que e o como para ter un panorama completo do que está a suceder. Entre outras cousas, porque Ribadeo non está illado do resto de Galicia ou do estado e o ISM é supramunicipal, polo tanto non debera encadrarse só nunha xestión de tipo municipal, senón de tipo máis amplo, e o enfoque dado á protesta, segundo o por que e o como iniciais pode ser ben diferente. Fai falta lembrar aquelo de ‘información é poder’?