Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Amar en tempos revoltos


Coido que o título dunha obra coñecida pode servir para moitas cousas. Para ser aplicado en Ribadeo, tamén. E é que os tempos están revoltos, pero non queda máis que aplicar un mínimo de amor por tódalas bandas para ir tirando, e ata mellorando aínda que ó comezo non o pareza.
O alcalde pide ós traballadores do concello que só fagan unha pausa na súa xornada laboral, segundo está estipulado legalmente. É posible que dentro da casa do concello sexa considerada unha medida de forza, pero na rúa tamén o é que sexa unha medida popular, cando non debera ter consideración nin de unha nin de outra, senón de achegarse ó pactado de antemán, ó servizo público e á eficiencia. Moito se leva falado, e moito máis se podería dicir sobre o funcionariado, a súa verquente de seguridade, que debera levar aparellado servizo, e doutras ventaxas e desventaxas que leva, pode levar ou pode atribuírse como asociadas, e non vou incidir aquí, nun comentario breve, sobre as mesmas. Pero a parte de lembrar que non todo o mundo no concello é funcionario, tamén hai que lembrar que o funcionariado non é máis que un tipo de relación laboral.
Na mesma nova de prensa aparece a dificultade de reparto dunha bolsa anual de 68 000 € entre os traballadores do concello, que ten outro cariz, pois mentras que simplificando o tema da xornada pódese supor que ten dúas partes implicadas, o que podemos chamar ‘patronal’ e ‘obreiros’, neste outro punto os intereses están divididos, mesmo atomizados, co que era antes patronal’ actuando agora de ‘xuíz’, e o que eran ‘obreiros’, como partes enfrontadas.
A foto, coido que consoante co título e co tema primeiro, unha vaca en actitude protectora fronte ó seu becerro, que se acurruca ós seus pés nun día de frio. Protección para que medre e se desenvolva, non sobreprotección que lle permita desentenderse dese propio desenvolvemento.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *