Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

De todo, no verán e en Ribadeo


O mellor agosto, despois de queixarse dun xullo que coido que non foi malo aínda que os houbera mellores. Ise parece ser o resume do turismo neste verán que aínda non rematou pero no que xa se nota o descenso de xente. As colas na oficina de turismo de Ribadeo son clarificadoras (ver ‘overbooking‘), aínda que todos saibamos que non se pode contar en catro horas cento vintecatro veces a historia de Ribadeo.

Por outra banda, a oferta de ventas e turística estase a diversificar. As ventas, con feiras de diverso tipo e os domingos con horta á feira de stocks que xa comezou potenciada por ACISA. No turismo, de cabalos a canoas e mesmo música clásica, despois de potenciar as catedrais ata o límite (e posiblemente máis aló do aconsellable). Asemade, van despuntando os clubes locais ‘alternativos ó fútbol’, como o Altruán de piragüismo, que esta tempada está a facer que non pareza estrano os podios ribadenses por Galicia adiante, como o do pasado domingo en Betanzos.

Asemade, volta a usarse a Casa da ría en Santa Cruz para realizar actividades de astronomía, despois dunha xestión fatal e dun cambio de chaves que deixou fora á Asociación Xerfa, dona do telescopio reflector Newton de 45 cm que alí se aloxa na cúpula. Aínda que por convenio coa USC/Observatorio Ramón Mª Aller, sexa esta entidade e non Xerfa quen esteña a ofrecer os dous cursiños deste mes. Por certo, que o custe de ambos tamén supera longamente o que o concello lle leva dado a Xerfa en toda a súa existencia, incluídos varios cursiños con diploma.

Dentro do cursiño de astronomía, onte a estrela principal foi Xúpiter, (ou na versión castelá, moito máis extensa) cos catro satélites visibles, e con el, o movemento de Ío, que ó longo da relativamente curta observación víuse alonxar do plantea no seu rápido movemento arredor do mesmo, estando ó comezo da mesma visible case como unha protuberancia de Xúpiter, ó que se lle podían observar claramente as franxas.

Mágoa que teñamos cousas como eufemismos ou loitas por saír na foto. Exemplo da primeira: ría “del encuentro” por ría de Ribadeo, de novo nome dun novo taller de emprego que por conciliador que sexa, éo a costa do nome da ría e do galego.

Exemplo da segunda: a Avenida de Luarca, obra en marcha dende comezos do verán, entra no plan E, o dos 1 300€/cartel, que proveñen do goberno central, socialista, e quere capitalizar o PSOE local porque o BNG -din- non lle da abonda propaganda ó tema, a pesares do tamaño do cartel.

Mentres, alguén sabe por que está tapado con plástico por dentro este sumidoiro na rúa Villafranca? (o primeiro que se atopa baixando por Casa Arango)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *