Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Granizada



    Hoxe, coas novas, quizais a cousa cambie, pero onte o que máis deu que falar foi a granizada caída a mediodía, que daba lugar aínda cousa de catro horas despois a esceas como a da foto, e no momento a que algunha xente poidera xogar coa neve, como nas imaxes cedidas por Raúl e Cristian.
Despois chegaría a investidura de Obama e a votación do clube náutico. 

    E segue a haber os comentarios do pleno (por certo, aquí o resume de José María), de xeito que cousas que poden ser importantes para o futuro de Ribadeo, como a nova denominación de calidade ‘PescadeRías’, noticiada hoxe tamén nos xornais, quedan fóra de comentarios polo momento, a pesares do seu potencial económico. 

    Así, retornamos ó pleno para engadir algo máis despois do comentario da entrada sobre o Plan Sectorial de Vivenda, que coido é cousa de ver. E podemos comezar polo Ari de Rinlo, punto terceiro da orde do día e que foi aprobado de xeito unánime sen discusión. Por certo que iso, referente á bondade dun tema en particular tampouco é garantía de nada: teño referencias doutros temas aprobados do mesmo xeito e que xa no momento podía analizarse que eran un erro. 

    Posteriormente, unha chamada aportoume o dato de que habería que cotexar os datos cos que foi presentados, que deben incluír un desenbolso privado (enténdase dos viciños de Rinlo ou a quen vendan) de máis de 12M€, o que fai que non cadren as contas. Non podo afirmalo nin desmentilo, pero onte pola tarde cadrou e achegueime ata Rinlo e tomei unhas fotos, incluída unha fonte que parece estar en obras sen señalización e cos restos do picado da parede por alí (a foto do final da testemuña). 

    Por certo, o mar tamén estaba precioso co temporal, pero as fotos non foron demasiado boas…
 

    Por suposto, o primeiro punto da orde do día, a acta do pleno anterior, tampouco tivo problema de aprobación. Nin o cuarto, unha serie de licenzas de primeira ocupación. 

    Antes de pasar ós puntos nos que si houbo discusión, comentar que engadíronse dous puntos de urxencia, a participación nos Grupos de Acción Costeira e a representación do concello nos mesmos (punto 9º) e a proposta de desbroce por parte de Costas toda a zona da Atalaia para ver se se ve máis muralla. 

    E das preguntas de O Tesón un apunte: Na primeira, “1. Despois de ter pedido a tódolos grupos do consistorio a creación dun Regulamento de Participación Cidadá, algo que o propio BNG está a pedir en lugares onde non goberna, solicitamos coñecer se o goberno municipal está levando a cabo ou ten pensado desenvoltar algunha iniciativa neste sentido”, a contestación é que non había ningún problema, pero a cantidade de traballo polo momento o impediu. 

    Coido que a cantidade de traballo o que fai é ordear as cousas segundo importancia ou urxencia, e isto non debe ser moi importante cando hai un regulamento aprobado inicialmente do ano 90 que non se usou e que xa está sen actualizar por lexislación posterior. Vamos, peor aínda que o que comentaba hai uns días da normativa sobre ruídos.
 

    

En fin, un pleno de 165 minutos da moito de si, aínda que a partir das dúas horas a diminución de xente na sala permitira sentarse á xente que quedabamos de pe.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *