Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Diversas novas e un comentario


    Mentras Adeac retirou de xeito temporal a bandeira azul do porto deportivo de Ribadeo a raíz dun acto vandálico (case sempre, nalgún momento, os feitos dependen non das cousas, senón das persoas) e a prensa que eu saiba non volveu dar noticia da súa reposición, mentras a travesía de Augas Santas a Ribadeo en canoa cada ano vai collendo máis protagonismo, mentras novas exposicións diversas fan perder a conta da cantidade delas que hai cada ano en Ribadeo, mentras estamos á espera de Siniestro Total (nunha serie de actos que poderiamos titular como ‘e máis música!’), mentras se prepara un novo torneo de fútbol, mentras Ribadeo vai esquecéndose da manifestación con outros temas como os orzamentos (ver a nota de prensa do concello sobre os orzamentos ou a nova da Voz), podemos observar como espectadores un episodio más da guerra polo transporte de Ence. Dende o principio, postulouse Avilés para facer o embarque. O convenio Ence/Feve para que fora Xixón o porto elixido non sentou nada ben, e comezou a polémica. Hoxe a prensa aporta algún dato máis (na realidade, nada novo) que ven ben como lembranza. En resume:

    a) Ence anda en tratos con todos (Xixón, Avilés, Portos de Galicia)

    b) Portos segue polo momento coa tramitación da nave en Ribadeo.

    c) Váise construír unha navede carga/descarga en Xixón para a pasta de papel

    d) Non hai novas sobre o lugar de descarga para a madeira.

    c) Despois de tantas idas e voltas, marear a perdiz, a nivel de decisións finais de Ence, estamos como ó principio: a empresa, como empresa, cala e fai importándolle só os seus intereses, facendo un tipo de política que busca o máximo beneficio.

    Así, mentras, podemos preguntármonos sobre a influencia da manifestación do día 10. Á beira, as fotos actuais da ‘lágoa Cascos‘, restos dunha instalación que recibiu unha pequena manifestación a favor en Rinlo (non tan pequena a escala rinlega) e actos diversos en contra. Cabe lembralo para, de xeito conxunto, lembrar que a súa tramitación pasou pola aprobación da Xunta, por vericuetos da xustiza, de novo pla normativa da xunta, etc, para chegar a un abandono dun terreo que estaba protexido de antemán. A terceira das fotos é unha instalación abandoada, a cetárea maior das que había en Rinlo (a da Punta Corveira), na que se pode xulgar as posibilidades para a súa recuperación como museo (os barracóns á súa beira están en condicións), e que, pode por non moverse moito a xente (por non movérmonos moito), segue en estado de abandono.

    Ben, o dito, a influencia da manifestación do día 10? Dado o xeito como fan as cousas as empresas (e portos de Galicia), dado que xa tiñan que levar en tratos Ence e Feve moito tempo, dada a nova do trato Ence/Feve, dado que Portos mentras non diga ‘non’, é que segue adiante como tiña previsto, coido que de pronto a maior influencia que tivo a manifestación foi a concienciación da xente no sentido de que a ría é de todos e debe ser coidada tamén para o futuro porque está no noso interese, mentras que as decisións empresariais e relacionadas deben tomarse con moita previsión porque responden a intereses alleos. Por suposto poden tomarse outras consecuencias en conta (e tentarei seguir facéndoo), como que o tema da protesta non seguiu derroteiros ó son dos políticos (a nova da prensa de hoxe volta a insistir no tema de que non asistiu o alcalde a pesares da toma de postura previa), pero o resultado final esta volta aínda está por ver. E é que facer unha manifestación, aínda con éxito, no da seguridade: aí está por exemplo, a outro nivel, a lembranza das manifestacións contra a guerra de Iraq, e España enviou soldados… con cousa do 90% da poboación en contra, segundo dicían as estatísticas. Polo tanto, debemos lembrar de novo o vello dito ‘A Deus rogando e co mazo dando’. Non só con presión, senón con política. O malo é a capacidade de facer política da xente do pobo é abondo limitada. De feito, queren limitala a elixir, cada catro anos, entre opcións semellantes (lembra o da proposta das ternas franquistas para ocupar determinados cargos: se non lembro mal, Franco propoñía tres nomes e as Cortes votaban un)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *