Non fun, pero recibín a nova por dúas beiras ben diversas. A conclusión sería algo así como ‘temos un alcalde que non se merece o pobo que lle tocou en sorte’. Evidentemente, política obriga, el non o pode dicir. Eu, sen responsabilidades políticas, si.
O por que: Onte, acto de explicación dun ano de xestión polo equipo de goberno, capitaneado polo alcalde. Asistencia, entre un pobo de 10000 habitantes que presentou 1157 escritos de alegación ó PXOM, unhas 15 persoas. Comentei xa que seguramente a porcentaxe de alegacións de interese público sería moi baixo. Son cousas diferentes, pero xoguemos un pouco cos números: 15 entre 1157 (xa non entre 10000) é o 1,3%, o que pode dar unha orientación de que realmente, ía por bó camiño cando afirmaba que o interese público nas alegacións sería moi baixo.
Non son o único en opinar que o alcalde merecía moito máis (de feito, esa expresión non é miña). Pero só cabe tentar construír un tecido social que responda da sociedade, en troques de permitir a súa desintegración. E para iso, só cabe tentar facer as cousas o mellor posible, tanto de xeito individual como social. Idealismo? Non, o único futuro que pode ter que ver algo con ‘desexable’. Sexa en Ribadeo ou nas antípodas, a xente que non se ocupa de si mesma como xente (e non me estou referindo como consumidores, acaparadores, ou outros moitos egos asociais senón antisociais; iso non é ocuparse dun mesmo, senón só dunha parte da propia persoa: aquela que cada quen valora por riba do conxunto), pois iso, a xente que que non se ocupa de ser xente non pode pretender que a traten como xente nun conxunto social. sen xente, non hai sociedade, e sen sociedade, as persoas non podemos acadar o estatus de persoas. En fin, coido que daría para falar un bo rato e pode que non quede de todo claro o que digo, pero polo momento, despois da impresión de quince persoas atendendo a xestión sobre 10000, permítaseme que corte a explicación aquí, co convencemento de que volverá a ser tratado no blog.
Só un comentario extra máis: o alcalde, cando elixiu a Casa do Mar para dar contas, un lugar abondo máis pequeno que o auditorio municipal, está claro que xa tiña unha idea do que podía suceder, aínda que dubido que nos seus peores cálculos baraxara a cifra que saiu. O póximo 12 de xullo haberá asamblea da AVV O Tesón. Respectando as porcentaxes (sobre 130 socios), non chegaría a dúas persoas a asistencia. Espero que se conte algunha máis.