Avda. de Asturias e Alza |
Pasando por Meira, pode verse unha e outra vez o letreiro ‘Miño‘ antes de cruzar a ponte do rego que por alí pasa. Despois de moito tempo de aparecer nos libros de xeografía que son estudados nas escolas que o Miño nace en Fonmiñá (no concello de A Pastoriza), un par de sinxelos carteis a cada lado do regato dunha estrada frecuentada poden cambiar abondo a relación de poder das verbas nunha guerra dialéctica que manteñen os dous concellos polo prestixio que da o ter no seu territorio o nacemento do río ‘pai’ de Galicia. E o prestixio sempre ven acompañado dalgunha cousiña máis.
En Ribadeo, despois de ter unha ‘sentenza’ sobre o nome da ría de Ribadeo, parece que as cousas están un pouco máis claras no uso do nome, pero tanto os medios asturianos como de cando en vez algún galego, seguen empregando se non direitamente ría, ou indireitamente estuario, ‘do Eo’, eufemismos como chamala polo o nome do río (á altura da Ponte dos Santos…). Sen entrar pola cartelería do moi galego ‘Portos de Galicia’ que en sendos carteis nas entradas de Mirasol ou Porcillán especifica que o que ten diante o lector é o Mar Cantábrico. Por iso, para contribuír a aclarar as cousas neste día das letras con algo máis que o homenaxeado Álvarez Blazquez, pediría ó concello de Ribadeo que lle transmitira á empresa encargada da cartelería na Autovía do Cantábrico que puxera xa o cartel coa inscrición ‘Ría de Ribadeo’ a ambas entradas da Ponte dos Santos. Coido que, a parte de obter unha sentencia, hai que sentenciar o uso. E no Día das Letras Galegas‘, a máis de repartir un tarxetón en relación a Álvarez Blázquez e facer pasarúas de gaitas, presentar un libro pola mañá e representar a correspondente obra teatral pola tarde, e aínda un pouco máis tarde, poder escoitar a Banda Municicipal de Ribadeo, sería unha contribución ó coidado da toponimia en calquera lingua, e non só nun día, senón en calquera tempo.
Toponimia que por certo está tratando sucesivamente en relación a moitos lugares ribadenses José Mª Rodriguez, e non só no seu libro “Estudio sobre toponomía en Ribadeo“, senón na serie de artigos que ven sacando pouco a pouco a pouco no seu blog.
Mentras, a foto lembra que mesmo no día das letras, as letras só son un vehículo, por exemplo, en relación ó urbanismo. A foto amosa o terreo recén rematado de valar na esquina entre a Avda. de Asturias e r/ da Alza, preparado para construír, ó que parece, mentras o terreo valado hai tempo na peonil, que anunciaba a súa próxima construcción hai xa anos, segue coa valla unha e outra vez polo chan. Unha diferenza pode estar entre o número de pisos permitido nun lugar e noutro.