Hoxe algúns cativos de Ribadeo marcarán pautas. Farano na Pontenova, onde haberá un concerto didáctico a cargo da banda infantil. E mañá, concerto das letras galegas pola Banda Municipal de Ribadeo. E pasado, á Estrada de novo a banda infantil. É dicir, o papel pautado funcionará esta fin de semana a todo trapo entre a xente de Ribadeo afeizoada á música, en particular entre os pequenos.
Boa iniciativa a de retomar os concertos didácticos longo tempo esquecidos e que causan un agradable impacto nos pícaros que os contemplan, ó tempo que tamén o fan nos que os presentan. Pode que non estivera mal unha extensión dos mesmos para xente maior: un xeito de aproximarse á música que non houbo oportunidade de poñer en práctica para a xente de certa idade cando era máis pequena. É dicir, outro xeito de sentir a música e aprender dela/con ela, ó tempo que gozar dela.
E coincide tamén hoxe o festival conta o cancro no Hernán Naval, con 16 intérpretes afeizoados nesta terceira edición.
Mentras, en boa medida contra a música, unha nova nos xornais nos lembra que a Sociedade Xeral de Autores pode cobrar mesmo por poñer a radio nun local público e sair un pouco de música polo medio. O concello ribadense acordou hai non tanto o pago de 30.000€ por dito concepto. Díxeno no seu momento e repítoo agora, ante catro actuacións dun xeito ou outro relacionadas co concello (banda ‘municipal’, banda infantil ‘da escola municipal de música’, actuación do cancro no auditorio ‘municipal’), que debera rebelarse a pagar igual que o ten feito xa abonda xente, e pleitear con xeito: coido que a facura veríase reducida, igual que en casos de particulares sinxelamente se viu eliminada por determinadas circunstancias. É unha política de non loitar contra os poderosos e avasallar ós débiles a que xa ten historia no concello e que se debera finalizar dunha vez por todas. En fin, voltando ó da SGAE, é unha guerra moi particular. Animo a poñer nun buscador ‘contra SGAE’ e mirar algunhas das páxinas devoltas da procura.
… e debería aforrarse cartos para pagar a suba da escola de música. Suba á que non me opoño (coido que é a de menor importe de matrícula de todas as do entorno ata ben lonxe), pero que con oposición ou sen ela significará un pico se se confirma que este ano sexa dun 25%. É algo así como como subir ou morrer de éxito polo número de matriculados, a unha media de case 600€ de gasto municipal como subvención. Claro que por outra parte, si considero que a cultura pode ter subvención como xeito de mantela, pois é un ben público (… e de pronto caio no tema da ría, que tamén é un ben público …), e asemade, que a xente de fóra que ven a Ribadeo á escola remata xerando ingresos extras para o comercio, hostalería, etc.
Trinidad, Fonte Cavada e Amando Pérez serán serán ‘melloradas’, pagando un 80% a Xunta. E tamén aparece nos xornais unha proposta da alcaldía dunha especie de ‘zona azul limitada’. Verei con calma a cousa, xa que nunha ollada rápida, polo momento paréceme que discrimina ós ribadenses fronte ós visitantes.
A foto, das obras da ponte hai xa uns días, amosando un pico en San Miguel que non aparece nos planos do PXOM.