Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

De volta á normalidade?


    Despois de onte, parece que debería voltar a normalidade. Pero, que normalidade? O esquecemento tanto de que a construción da nave xa comezou un longo proceso que non se detén polo que opinou un pobo enteiro antonte? A volta a pensar no PXOM, para o que xa quedan menos de tres semanas para que remate o prazo de exposición e presentación de alegacións e no que sempre hai grandes intereses en xogo? O non esperar a resposta de BeGaSa, Rede Eléctrica, Consellería de Industria, etc, porque nunha semana enteira non temos nova de que se producira un só corte de luz en Ribadeo?

    Din que o pobo que non coñece (e iso pode ser por puro esquecemento) a súa historia está abocado a repetila. Así sucedeu en Ribadeo co último recheo en relación ó anterior, 22000 m2 hoxe ocupados por unha lonxa, un negocio de reparación de barcos (que tardou en instalarse) e un aparcamento (o que máis ocupa), pero a maioría baldíos, despois de ser o emprego a desculpa sempiterna para o facelo. Na realidade, non hai que esquecer o pasado … nin o presente. Hoxe mesmo aparecen na prensa as primeiras notas tibias en relación á nave de xente que manexa institucións moi relacionadas con Portos de Galicia: Gervasio Cao non fai valoracións porque non hai proxecto. É dicir, os planos preliminares non din abondo… E detrás del, pois é o Presidente, o Club Náutico. E o comercio de Ribadeo, que coido oponse na maioría, pero xa sabemos que a educación para a cidadanía (é dicir, para exercer como cidadáns, deberes e dereitos) é unha materia que está a chegar agora ás aulas, e mentres parece que aínda estamos arrastrando moitos vicios cidadáns dunha ditadura. Polos ‘mandos’ e polos cidadáns de a pé.

    … A Mariña promóvese en ‘Expovacaciones’. Supoño que a ría tamén entrará no paquete mariñán. Mentres, en Asturias hai quen xa pensa e proxecta sobre a base de accións xudiciais. E iso que está prevista a coordinación de administracións na ría, segundo foi anunciado recentemente polos dous presidentes autonómicos.

    Un pouco máis lonxe, albíscanse outros problemas / solucións a nivel zonal, como a liña eléctrica dende Pesoz, en Asturias, a Boimente, en Galicia. Ou o certificado ambiental para Alcoa, que é unha boa nova e que aseguran dende a empresa que é un dato da transparencia cara ós veciños a parte de indicador de control ambiental. E, noutra orde de cousas, a detención dunha residente ribadense cun botín, obtido tamén en Ribadeo, que sobrepasa de lonxe os dous millóns das antigas pesetas. E logo hai quen di que os veciños nos metamos nas nosas cousas … (debe ser porque as cousas que cremos que son de todos xa están adxudicadas a algún)

    A foto, do que creo (e non eu só) que foi un atropello arqueolóxico no termo de Ribadeo, na zona do monte Comado, en Remourelle, Ribadeo, zona de restos arqueolóxicos na que se puxo recentemente unha antena e se arrasou co que alí había.

    De volta á normalidade…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *