Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Mentras se pon en marcha o clube de patinaxe


    Hoxe será a presentación do novo club de patinaxe ribadense, no pavillón do Porta da auga, ás 9:30 da noite. Ben, unha asociación máis, con miras deportivas esta vez. Hai que desexarlle que funcione, aínda que por ter unha misión moi concreta, sempre é máis doado que se tivera unha misión máis xeral e extendida de xeito indiscriminado.
    Penso nelo mentras vexo na Voz de Galicia de onte unha enquisa con resultados deplorables: o 92% da xente non cre nas promesas eleitorais (en principio, de Zapatero e Rajoi, pero é de supoñer que se pode extender o resultado con facilidade a outros políticos). E así, nun momento no que as areas do Sáhara son a disculpa para aconsellar non facer deporte ó exterior en Madrid (haberá un aire máis puro no interior das casas…) ou se está a falar de que xa comezou a ‘era xeolóxica antropocénica’ (polo cambio xeolóxico que está a inducir a humanidade), atopámonos con que non cremos á xente que pretende (e está a) dirixirnos. E non é extrano, dado as promesas e os feitos. O que si o é é que o sistema siga funcionando e aínda se trate ás veces de dicir que non hai outro mellor.
    Consecuencias para Ribadeo? pois… que faría falta un equilibrio de outras forzas para contrarestar ó desequilibrio político (entendido non como desequilibrio entre os políticos senón como desequilibrio a favor de os políticos e as súas relacóns de poder en relación co resto da xente), do mesmo xeito que a outros niveis. Que non se entende como entidades que procuran ese equilibrio, como as asociacións de veciños, vénse abocadas á unha supervivencia máis que a unha vivencia. Que a participación da xente na gobernanza parece que non pode ser outra que mediatizada. Que moitas veces non se sabe xa non que votar, senon sinxelamente se votar, …

    A foto, o ceo cortado, dividido, por un rastro de avión. Non se ve moi ben o fondo do ceo, pero era como de pequenas ondas nun plácido estanque, véndose separadas unhas das outras pola nube artificial do avión.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *