Onte, nun curto tempo, descendeu a néboa e voltou despexar (alomenos na zona elevada da vila; na zona máis baixa foi fariña doutro costal), de xeito que costaba ver a torre da igrexa dende o fondo do parque. A foto non corresponde a onte, senón a anteonte, onde si se podía ver a igrexa castropolense entre a néboa, cousa imposible onte nos mellores momentos.
Indo de igrexas, lémbrome de que o próximo domingo (14/10) está previsto que veña o bispo facer misa a Ribadeo, e despois, a inaugurar (bendicir) a restauración da casa anexa, que tamén pertence á igrexa, e na que teño entendido que hai restos abondo antigos que foron ben conservados ata a actualidade.
É hoxe o día que saen no periódico os cortes no paseo marítimo, feitos apra evitar as carreiras, aínda que parecen mellor para o cruce de peóns. Seguen sen estar ben protexidos para non fastidiar as rodas, pero a intervención foi rápida…
Vexo que me faltan fotos: da grúa no centro da que daba conta o outro día e da finalización da obra do derrumbe do faro, que quedou sen beirarúa e cunha cuneta pequena. Parece que tamén alí, cara ó faro, vai haber algunha variación na seguridade, posiblemente tamén algún medio para que se reduza a velocidade.
E, mentras hai unha certa confusión no tema da reserva da biosfera (por exemplo, non hai movementos oficiais para aglutinar accións pero un representante da confederación hidrográfica di que virán axudas … do goberno, non direitamente da confederación), hoxe hai festa no clube náutico, con recepción de xefes de clubes náuticos de toda Europa.