Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Para a participación fai falta claridade, difusión, …


Está claro que hai pasos previos antes de lograr a participación veciñal, cando se parte dende a abulia. Alguén me dixo que a falta de participación veciñal era froito do franquismo, e eu estou de acordo con que os malos hábitos, neste caso o non participar a partir de que non se poda facelo, son difíciles de erradicar, pero eso explicaría só que fora habendo unha viaxe lenta dende a non participación á participación, non períodos de máis e de menos participación da xente, que xa se teñen dado en Ribadeo. A claridade á que alude o noso alcalde estes días a conta das contas (que por certo teño entendido que están expostas no concello e será cousa de ir velas) é un dos aspectos a considerar na boa dirección, pois sen transparencia informativa non hai datos para participar, e resulta abondo máis dificultoso. Outro sería a difusión. No Val do Ouro van transmitir os plenos pola radio, e eu aquí teño en proxecto publicar as actas a traverso de ‘Ribadeo historia‘, se non o fai o propio concello. Ó fin, repito, son pasos que favorecen a participación, e a sociedade parece estar falta desa participación, como amosan as conversas ‘intrascendentes’ de queixas varias que non chegan ó seu cauce propio se non hai alguén que as retome.

A imaxe, un mirador nunha casa ribadense, propio para otear o ohorizonte e ver máis lonxe, co que se podía estar preparado para o regreso dos barcos. É dicir, dalgún xeito, xogar con máis ventaxa, o que se pretende para todos os veciños.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *