Ben, esta tarde Gervasio Cao (ver foto para quen non o identifique) organizou unha rolda de prensa sobre o tema do urbanismo en Ribadeo, particularmente o que se deixa e o que non se deixa facer. Coido que non dixo nada novo, pero o dicilo todo xunto e diante da prensa algunha cousa que circulaba deslavazada, pode que leve o tema diante dos tribunais; máis aínda cando se sumou algún medio que ata agora coido estaba ausente do debate, como a TVG.
Básicamente, comezou coa historia recente de como se levou o PXOM, o tema a filtración, os convenios ‘á carta’ (expresión súa) o engarce do PEPRI, como se foron sucedento edificios ilegais, … Cousas que non sonan nada novas, que se poideron seguir na prensa e que se viviron en Ribadeo. Acusou de mentir ó equipo de goberno e denunciou as dúas caras de Balbino á hora de poder construír ou non en Ribadeo.
Asegurou que o arquitecto encargado de deseñar o derribo da cuberta (feita por Gervasio e que ten unha sentencia dictando que infrinxe a lei, a do edificio do ‘Consum’) nunca viñera a Ribadeo, e que non tiña que tirala, senón pagar unha multa. Que o tema segue no xulgado (no TSXG) pero que Balbino úsao como unha especie de ariete para dicir que está a actuar de xeito correcto mentras en outros casos deixa pasar o tempo e fai a vista gorda.
Nunha comparación que entendín moi ben, distinguiu a cara da interpretación da lei e da sentencia que fai Balbino neste caso aprticular coa completamente contraria (‘a outra cara da moeda’) que é aplicada no caso dos pub, no que se di ‘que hai que ter conta de que levan tempo así’ e polo tanto hai que ser permisivos co tema do ruído e a súa situación. (que conste que no caso do urbanismo non se concentran os perxuízos como no caso do ruído)
Comparou logo o seu caso con outros da rúa da piscina, Carlos III, S. Francisco… rematando no caso do edificio da Lodeira que leva xerado xa diversas novas e escritos. Foi entón cando chamou ó alcalde ‘mentiroso compulsivo’. E é este último edificio o que aparece nas fotos, tras ser parado teóricamente nos comezos de 2005, baixo acta notarial (escaneado incompleto que se amosa), e na actualidade, para ver as diferencias e que realmente se seguiu a traballar nel.
Segundo Cao, ese edificio está sobre un terreo de Pepe Conde e muller, que na actualidade teñen feita unha permuta por pisos e demáis nel. Este señor,polo que parece, foi xefe local do PSOE e na actualidade é candidato. Cao tamén suxeriu que por aí podía pasar a información / filtración do PXOM que houbo a comezos do mandato/finais do anterior e que xa deu lugar a unha intervención xudicial, pero que me decatara, non desvelou nada novo sobre o tema.
Nembargantes, pese a todo o anterior, rematou dicindo que el non ia meter agora nada no xulgado, que esperaba que actuara a fiscalía ou os propios veciños… Pode que se referira tamén a que se atrevera Balbino a demandalo despois das acusacións verquidas, pero eso é unha interpretación miña nada máis. A cousa promete; na campaña electoral pódese esperar calquera cousa.
Por certo, no salón, a parte da prensa, de dous membros do tesón e un da plataforma, coido que só había membros da candidatura da UPRi, algo que me sorprendeu.
E, despois, Cao coincidiu co alcalde no acto da mostra (só ‘coincidiu’, pero nada máis).