A outra de hoxe era sobre o esforzo. Esta, sobre actos. Onte tiveron lugar asambleas de O Tesón e a SSM AConcordia, un acto en teoría organizado pola asociación de amigos do país da zona para ser capitalizado eleitoralmente pola alcalde e o comezo das curtas nouturnas. O primeiro, pouco concorrido, foi un acto de trámite no que o único que se saíu de multitude de guións do mesmo corte foi a aprobación dun manifesto ás autoridades que verá a luz máis adiante neste mesmo blog, entre outros lugares. Do segundo non teño novas máis que por un despistado que apareceu na xuntanza do Tesón media hora antes de tempo creendo que era alí a da Concordia. O terceiro parece contraprogamación, organizado aparentemente esta mesma semana, para dar a coñecer o futuro parque de indianos que leva coleteando xa cousa dun ano e que xa apareceu neste blog. Estimaría ter ido (coido que pode ser unha boa cousa, como xa deixei dito noutro lugar), pero a coincidencia non o fixo posible, e só me ven a memoria para substituílo o que califiquei de ‘primeiro acto eleitoral‘ desta campaña, e entón ocórreseme que aínda que tivera podido, ó mellor non ía.
En canto á outra cuarta actividade, é a primeira dunha serie da que seguramente falaremos outro día, porque algunha vez penso asistir a ver esas curtas nouturnas con café (o do café, un invento para facer unha pausa, intercambiar pareceres, etc nun ambiente máis ‘cálido’: un bo invento, creo).
Onte tamén houbo unha inauguración sobre a enerxía, do INEGA (aquí, a presentación virtual), no IES Porta da Auga. Inauguración, con representantes diversos das altas esferas políticas, dunha exposición sobre enerxías alternativas e aforro enerxético que será visitable dúas semanas.
Poño neste post sobre actos e novas diversas unha entrada do blog do cargadoiro no que hai frases, no seu contexto, para meditar. Frases que se poden acumular a unha revisión sobre o funcionamento das asociacións en Ribadeo, á propaganda de corte político ou mesmo da actualidade cultural (por non nomear outraos feitos pode que menores como a nova transgresión polo concello das súas propias normativas anunciando altofalante en ristre as curtas). Cousas que, en conxunto, deberan de ocupar varios longos post, pero que seguirán a saír nas pequenas entradas, pouco a pouco, cada volta cun aspecto diferente para que cada un, cada unha que siga a trama, poda facerse unha mellor composición de lugar a base de intercalar o seu propio pensamento na lectura en tempos illados: é dicir, máis lento pero de mellor proveito para a persoa que se o lee de corrido en calquera sitio, mesmo neste blog.