En tempos pasados, podíase dicir que a fe movía montañas. Hoxe o que move montañas é a propaganda. Dende que xente como Goebbles a puxera de moda de xeito tráxico no ámbito político, ten evolucionado moito e ten sido posta ó servicio de diversas causas. É certo que Ribadeo ten condicións naturais para ter turismo. Outra cousa é que as infraestruturas, servizos, limpeza, coidado do medio ambiente, etc. correspondan cunha excelencia turística en troques de que esa excelencia corresponda cun clube que se chama a si mesmo de excelente. Pois ben, parece que é o segundo o que prima, sexa ou non certo o primeiro, pois mentras Ribadeo ten deficiencias de diverso tipo, a excelencia vénlle dada por pertenza a un clube. Eso soa ó fin da antiga aristocracia, onde a excelencia persoal viña (coido que hai que dicir aínda ‘ven’) da cuna e non da persoa, ou como aquel suposto da mili sobre o valor, ‘se le supone’ pero aplicado só a parte da xente, cunha desigualdade de partida. Por certo, que segundo o qeu puxen onte no blog, o primeiro prazo dado para remate da circunvalación foi esquecido tamén polo PP.
Pode que por eso da excelencia, para segregala da vila, a ironía (esta volta a mans do PP, non miña) sobre os prazos de remate da autovía vaia netamente separada na web da prensa da nota da xuntanza en Ribadeo dos municipos con excelencia turística. Así non haberá contaminación entre ambas e a vida poderá seguir en ficción o seu camiño separado da realidade, o mesmo que sucede tan a miúdo na política.
Por certo, e falando de politica, pasa algo raro: o cuarto partido previsto e anunciado para as municipais non sae na prensa nin parece ter actividade. A este paso non se presenta ou será como se non se presente, pois deixará que sexan os partidos tradicionais os que ocupen todo o espazo, con razón ou sen ela. E tan pouco movemento teñen en xeral os partidos que o alcalde tenta turrar coas asociacións de veciños para saír nos medios.