Na presentación do libro de Chemi Lombardero todo ía máis ou menos previsible. Nun libro sobre o porto de Ribadeo pode saír moito do tema, da ría, … pero estaba o alcalde na mesa e tras falar as catro persoas dela, supoño que para animar o turno de preguntas, Chemi fixo a pregunta sobre que pensaba a xente do futuro do porto de Ribadeo. Así entereime das previsións de que Ribadeo sexa un porto PIF (que logo, buscando, vin que correspondía ás siglas de ‘posto de inspección fronteirizo’ para tráfico alimentario da CE con terceiros países), de que de hai vinte anos aquí, a media de tonelaxe dos barcos que chegan ó peirao con ou a procurar mercadorías cuadruplicouse (de 1000 a 4000Tm), lembraron a limitación do calado a 6m, que parece algo así como unha normalización de mínimos para os portos europeos, saíu a relocer o porto exterior que se dicía hai anos e que parece ser que estaba apoiado pola CEL (pero que o alcade manifestou neste momento como imposible), o mesmo alcalde falou da necesidade de outro dragado ó tempo que apoiaba que tras o último recheo a cousa estaba abondo ben e despois de dicir o autor que este era o mellor momento do porto ribadense, … con enterarme dalgunha cousa, coido que o acto favoreceu a política ata que me marchei. Tras a pregunta do autor, e mentras que estiven, as contestacións foron do alcalde e un consignatario, exceptuando algunha pequena intervención, como a que tentou de deixar claro que había que revitalizar a pesca, outra que preguntou se o superporto Coruña-Ferrol non estaría mellor aquí, … Moita xente para o primeiro acto de campaña municipal ó que fun.
Quédome con algo que dixo Chemi, aínda que de pasada, cando citou o do mellor momento: a importancia do porto na economía local, baixou, aínda que aumentara a tonelaxe movida e tamén o valor das mercadorías. Ó cabo, unha familia que tivera no século XIX unha carroza de cabalos, mellorou se agora aínda ten un seiscentos, pero evidentemente non o fixo en relación ó cambio social dende entón.