Presento o comunicado da A. de veciños O Tesón :
A asoc. de veciños O Tesón de Ribadeo, por este comunicado, da conta de que recibiu escrito da Delegación Provincial de Presidencia, Adm. Públicas e Xustiza polo que se denega o aumento de horario de apertura de locais nouturnos unha hora máis no veran, a excepción do 16 de agosto (san Roque) e 8 de setembro (sta. María do Campo). Facendo unha pequena sinopse, lémbrase que ACISA presentou un escrito coa petición, e posteriormente foi tramitado un informe do concello positivo para dita pretensión. Comoquera que xa o pasado ano e a comezos deste foran enviadas peticións da asociación de veciños en contra de tales medidas, foi trasladado o expediente a dita asociación como parte interesada, e presentado o recurso correspondente no portelo único. En dito escrito presentado por O Tesón repetíanse cousas xa sabidas en Ribadeo e que son repetidas ano tras ano, como o aumento do número de locais ou o feito de que facía pouco aínda que o concello anulara os puntos do RAMINP correspondentes a ruídos.
O problema dos ruídos non está resolto na nosa vila, a pesares de que tras a recente sentencia condenatoria do Concello parece que a xente se atreve a protestar máis, como manifesta a recollida de sinaturas recabadas no mes de abril para declaración de zonas acústicamente contaminadas, peticións e protestas que creemos que se incrementará máis e non só en Ribadeo, como parece indicar a aínda máis recente sentencia condenatoria por ruído en Burela.
Repetimos que dende o Concello non se pode actuar de xeito sesgado, e que non se pode deixar a dirección das decisións tomadas ó abeiro de quen en cada momento resulte máis forte. Así, por exemplo, non se pode facer un informe dicindo sinxelamente que algo é positivo sen máis, pola autoridade de quen asina, como pasou neste caso. Ribadeo é de todos e a todos hai que atender.
En Ribadeo, a 15 de xullo de 2006