Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Máis ruído


Hoxe aparece na prensa que a Delegada Provincial de Presidencia e Xustiza autorizou a extensión de horario de apertura dos establecementos nouturnos durante as festas. Eso significa literalmente máis ruído. Mañá presentareille, nunha entrevista como representante do Tesón, unha folla con razoamentos e feitos sobre o tema. Polo momento, lembro aquí algo que escribín e me publicaron xa vai para o ano; dende entón a situación non variou, senón que empeorou.

O valor económico do ruído nouturno.

Periódicas declaracións feitas en Ribadeo sobre a importancia na economía local da movida, e por conseguinte do ruído e outros derivados, fan que me poña a estimar dito valor dende diferentes perspectivas para amosar a falacia pseudo-económica de tal argumentación, a parte de que a economía non é a vida, senón que só rixe unha parte dela, e polo tanto, razóns económicas non deben servir para xustificar perxuizos vitais.

Un primeiro conxunto de estimacións refírense ó custe económico das horas de sono perdidas. Contemplando un esceario de mínimos, poderíamos computar perdidas entre as dúas e as catro da mañá dos sábados para un mínimo de cen persoas, que poden valorarse tamén dende un punto de vista de mínimos a razón de 5 euros/hora, o que nos daría 2000 euros cada sábado ou máis de 100.000 de euros ó ano.

Nun esceario máis realista, hai que engadir alomenos outra hora máis ó considerar que a renta per cápita sitúase nuns 20.000 euros ó ano e o número de horas traballadas está netamente por debaixo das 2000 ó ano, o que nos daría máis de dez euros/hora traballada por cinco horas, esto é cincoenta euros cada noite de sábado e persoa afectada, e esto por unha cifra de 400 veciños, aínda baixa pero máis acorde coa realidade. A conta da, ó ano, 1.000.000 de euros, 2500 por veciño (420.000 das antigas pesetas por persoa afectada ó ano)

Con só aumentar unha parte proporcional para os venres e o mes de agosto, sen aumentar máis o número de afectados, plantámonos xa nos 2.000.000 de euros ó ano.

A cifra anterior segue a ser unha estimación baixa. Consúltense os datos e verase que en Ribadeo sobrepásanse de lonxe os 400 veciños afectados. Tamén sabemos que por cada hora de noite perdida debe computarse alomenos outra de día, o que duplicaría a cotización (co que andariamos xa nos 6.000.000 de euros ó ano, mil millóns das antigas pesetas). Seguen sen contarse aspectos tan variables na súa imputación como a comprobada maior incidencia de enfermidades por baixada de defensas no organismo, que son moi difíciles de contabilizar e dun valor económico tamén maior, a perturbación da vida social dos afectados, … Sen contabilizar tampouco, por suposto, o que poderiamos chamar emolumentos sociais, por non estar tan definidos os afectados, senón máis diluidos: o valor dos mexos en lugares públicos, vidros rotos no medio da rúa ou pelexas, ou, noutra vertente, presións sicolóxicas, sociais ou ameazas ou aínda, noutra terceira perspectiva, o valor dos servicios públicos extra con necesidade causada por esta temática, ou a diminución de valor dos inmuebles causada por estes movementos nouturnos, entre outras posibilidades a valorar e que incrementarían as cifras anteriores. De calquera xeito, os cálculos realizados ata aquí quedaranse en minucia o día que a xente comece a reclamar os seus dereitos, en vez de regalalos como ata agora.

O segundo conxunto de valoracións sería a importancia económica que para Ribadeo teñen a movida e o ruído. Neste aspecto teño menos datos, en particular se estimamos cousas como que as cifras que manexan os empresarios están lonxe das que dispón hacienda. Ó anterior increméntase a dificultade en estimar a porcentaxe que corresponde ó ruído non xa nos aportes de cartos á caixa senón nos cartos que se quedan en Ribadeo a través de mecanismos como soldos ou ganancias e no que podería tomarse como base de calculo a cifra de cen ou 120.000 euros por noite de sábado, o que tendo conta doutros días con influencia, venres, festas, e meses de verán, nos leva a uns 7-9.000.000 de euros ó ano do conxunto da actividade. Nembargantes, se tomamos en conta o modelo de negocio seguido noutros lugares, a porcentaxe sobre a cifra anterior sería próxima ó cero, pero aínda sen tomalo, repartindo entre o que significa a socialización da asistencia a locais nouturnos, a compoñente da hora, etc, o ruído non deixa de ser unha fracción do total. De calquera xeito, se se considera que o monto do que poderiamos chamar ganancias para Ribadeo sae unha cifra comparable ó custe económico, vése claramente que aínda no aspecto máis desalmadamente económico, non é rentable para o conxunto da poboación.

Os dous conxuntos anteriores lévannos a outra consideración: quen ‘disfruta’ das ventaxas e quen ‘soporta’ os inconvintes. Parece lóxico que exista, nunha economía equilibrada, un trasvase de recursos entre ambos grupos. Na actualidade está claro que ese trasvase non se da, polo que non me extenderei sobre o tema. E aínda considerando unha terceira entidade, a mesma estructura do Concello, resulta que son os mesmos afectados polos inconvintes quenes teñen que pagar parte dos servicios para tratar de paliar os mesmos inconvintes que sufren, subvencionando así a fonte dos seus propios sufrimentos. A notar que o principio de actuación non só dos concellos, senón tamén dos partidos e máis aínda dos de esquerdas, debera basarse nun suposto de fomento de equilibrio e non dos desequilibrios.

Pasemos agora a unha comparativa. A medio plazo, a actividade desenvolta por un polígono industrial rende tanto e con consecuencias sociais moi diversas, nembargantes xa pode ter netos quen escoitou por primeira vez falar do polígono para Ribadeo e comprendeu de que ía. O caso é que aínda non está comezado.

Con outro aspecto comparativo, e sen ter en conta a moral do mesmo xeito que se emprega para a xustificación económica do ruído, por unidade de venda sería de maior rendemento económico traducir a inxesta de alcohol á de droga (na parte na que non está aínda feita) nunha especie de ‘reconversión industrial’. Non creo, visto o valor para enfrontarse ó problema nouturno, que o concello o teña para favorecer dita reconversión.

Non estimo cousas que poden variar abondo os cálculos anteriores: a importancia da seguridade nos locais cunha única porta ou saída de incendios non acorde coa seguridade que pretende dar pola súa estreitez, saír a un sitio pechado ou outras causas, a valoración no mesmo sentido de locais abarrotados, cunha capacidade nominal abondo menor son só dúas mostras de cousas que agora non están sendo valoradas e que se valorarán no caso dun desgraciado accidente, chamando ós responsables a contas.

Non profundizo máis. Non paga a pena para poñer no seu lugar un argumento que xa se descalifica por cousas que no conxunto da vida creo que son máis importantes que os cartos e que estos dificilmente poden pagar.

Finalizo cun comentario de textos extraídos dun documento do Concello de Ribadeo referida a unha reunión o 2/12/03: “Calcúlase que en xuño e de cara ó verán de 2004 poderían estar tódolos establecementos revisados”. “A partir do prazo outorgado procederase conforme á Ordenanza Municipal e demáis normativa de aplicación chegando mesmo se é preciso ó peche cautelar, temporal ou definitivo de quen incumpra a norma”. Para non cansar, baste dicir que esto estáse a escribir na madrugada do 19 de dembro de 2004, pasadas as sete da mañá con xente que sae de locais próximos que polo que parece incumplen sistemáticamente o horario para choteo de quen vixía e no que poderiamos chamar competencia desleal con outros que se ven obrigados a afinar máis o peche, escoitando tirar vallas por enésima vez (40 veces na noite? 50 quizais?) nunha rúa en obras. E sucede tempo despois de que por exemplo un novo local estivera aberto dous meses co visto bó do concello a pesar de incumprir unha ristra de obrigas e estar sen papeis e entre protestas dos viciños. Máis que dicir? Moito máis: ccunha frase feita, iso é a punta do iceberg.

Internacional: outro avión máis caído fai 140 mortos en Indonesia. En menos dun mes, cántos van, 5?
Nacional: Zapatero e Rajoi parece que van ter unha reunión para a galería, afiando os coitelos para metelos ben metidos no primeiro descuido… lémbrame outras políticas a nivel máis achegado.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *