Etiqueta: intelixencia artificial

  • Ideas inxeniosas sobre a cultura libre (III): Un Chatbot non ten coñecemento, ten conversación -Margarita Padilla

    Ideas inxeniosas sobre a cultura libre (III): Un Chatbot non ten coñecemento, ten conversación -Margarita Padilla

    Nas semanas anteriores escribín sobre Intelixencia Artesanal e Coñecemento Operativo, conceptos que aprendín do coloquio que organizou Enxeñería Sen Fronteiras o 20 de abril en Santiago e que non quería que pasasen desapercibidos. Hoxe remato a entrega cunha cita de Margarita Padilla:

    “El Chatbot no tiene conocimiento, tiene conversación”

    O coñecemento non é un conxunto de datos, nin é elocuencia. O coñecemento é entendemento, comprensión, vai máis alá da lóxica pois esta forma parte del, non o engloba. As conversas son intercambios de palabras tras as cales acostuma a haber mensaxes mais a miúdo oír á xente falar e non dicir nada. Do mesmo xeito, o contido que xeran os grandes modelos de linguaxe ten información pero non coñecemento, este ven despois de que se interprete, de que se reflexione sobre isto e se contrapoña coa experiencia humana. Ten conversación pois intercambiamos palabras coherentes, pero non ten coñecemento porque non ten criterio.

    O criterio semella unha idea moralista para os destrutores da ética. Con frecuencia tratan de definilo como unha amalgama de opcións que non son mellores nin peores e que cada quen escolle como se se tratase dun xeado. Dinnos que toda opinión é válida, aínda cando as opinións se emitan co fin de dobregar aos demais, de menosprezalos, ou mesmo de ignoralos.

    Hai modelos de linguaxe que están a ser deseñados precisamente coa intención de eliminar a identidade das mulleres a través da cultura. Conversan, incluso ofrecen datos obxectivos, pero coñecemento non teñen pois en canto se lles leva a contraria non poden argumentalos. Xeralmente, estes modelos tampouco detectan os seus erros nin admiten ignorancia polo que ou che dan a razón en todo ou te contradín ata nas cuestións máis obvias.

    A conversa alivia a soidade temporalmente

    Moitas profesionais da psicoloxía advirten dos perigos de empregar estes modelos como terapia. O risco recae precisamente no matiz que Margarita Padilla saca á luz. A intelixencia artificial dáche conversa pero non te ilumina, non che axuda a reflexionar nin a comprender o teu entorno. Alivia as túas horas de illamento, a frustración por non entender o mundo cando semella absurdo, ofréceche unha orella… Mais non nos enganemos, non escoita. Responde o que estatisticamente considera que queres escoitar, non o que precisas oír, o que che podería axudar a saír dunha situación de sufrimento mental ou espiritual.

    Para moitos este é un exemplo extremo, porén o engano no que caemos é o mesmo que cando procuramos aprender con estes modelos de linguaxe coñecementos dos cales non sabemos nada. Sentimos que nos está a proporcionar algo que nos falta. Información. Datos. Conceptos. Todo soa coherente, incluso máis correcto que o que expón calquera experto. Pero non podemos ter confianza ningunha no que nos di, nin na interpretación que xerou, nin nas razóns polas que a ofrece dese xeito… Non coñecemos á persoa que hai detrás desa conversa polo que non podemos imaxinar os seus nesgos ou os seus obxectivos, as súas preocupacións e inquedanzas, nada que nos axude a filtrar as súas palabras. Non a coñecemos porque non existe.

    Se cadra un imaxínase que a falta de humanidade, de sentimentos e emocións, mellora o coñecemento xa que deixa só a lóxica. Esa idea dualista e mecanizante do que é o saber estanos a levar por sendeiros crueis e inhabitables. Sen a intuición como compás ético e reflexivo perdémonos en grandes abismos loxicistas que nos separan do mundo natural que nos sostén e ao cal pertencemos.

    Existe unha falacia que di que o método científico é infalible, totalmente obxectivo, pois traballa coa seguridade dos parámetros medibles. Case todo pode ser trasladado a números, e os números poden ser analizados a fondo, ata aí concordo e aprecio o seu valor. Con todo, cando se dá esta falacia é porque se asume que os resultados numéricos só teñen unha interpretación posible. O certo é que calquera resultado obtido dun estudo científico pasa polo filtro das persoas que investigan, pasa polas súas emocións e polas súas experiencias de vida. Ás veces, estes engaden erros de interpretación, outras, atopan perspectivas que ninguén máis podería ofrecer. Este é un balance co que levamos décadas convivindo e o cal non deixa de tratarse dun deporte de equilibrismo.

    O que pasa coa intelixencia artificial é que se presenta cunha face metálica de obxectividade a cal engana a gran parte da poboación. Os seus circuítos e as baterías que consume fanlle pensar ao usuario que detrás hai un coñecemento impoluto que non pode ser contaminado por erros de percepción ou por desexos persoais. Pese a que todo o que hai detrás se trata de código baseado na lóxica, non se pode ignorar o feito de que calquera creación de contido que xurda dun gran modelo de linguaxe provén, non da sabedoría colectiva, senón da produción de contido colectiva, a cal non é un coñecemento filtrado. A falta de criterio por parte do modelo fai, por tanto, que a nós nos ofreza resultados xenéricos a costa de resultados precisos.

    Se che gusta conversar, por que unha IA?

    Se desexamos conversar é moito mellor que busquemos unha persoa real para facelo, reduce a soidade de dúas ao mesmo tempo e a sensación é moito máis duradeira.

    Por outra banda, se o que desexamos é buscar información rapidamente non vexo como un gran modelo de linguaxe axiliza máis o proceso que unha tradicional procura nun motor como busca. Ao fin e ao cabo a precisión dos resultados vai ser semellante. Aprender a facer prompts que dea bos resultados ben sendo equivalente a empregar os métodos de procura por tesauros, coa diferenza de que esta segunda opción gasta moita menos enerxía e evapora menos auga.

    Para rematar só quero facer mención a un disco de Robe, máis ben pola palabra que empregou para designalo que polo contido, aínda que me encante escoitalo en bucle: Mayéutica. Esta palabra resume a mellor forma de empregar a linguaxe.

    La mayéutica es el método aplicado por Sócrates a través del cual el maestro hace que el alumno, por medio de preguntas, descubra conocimientos.

    Os grandes modelos de linguaxe fan moi poucas preguntas e as que fan pretenden extraer información de nós, non guiarnos cara a unha aprendizaxe xenuína. Deixo a idea aquí pois o artigo xa se alongou demasiado, mais gustaríame que facervos unha pregunta:

    Como cres que é o camiño que desexas percorrer para chegar ao coñecemento que procuras?

  • Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (II): Coñecemento Operativo

    Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (II): Coñecemento Operativo

    No artigo anterior desta serie de tres, desenvolvín o concepto de Intelixencia Artesanal como unha alternativa de aprendizaxe que temos dispoñible e que precisamos recuperar. Neste tratarei a idea de Coñecemento Operativo, a cal pode perfectamente ir da man da primeira.

    Durante a charla-coloquio sobre “Aprendizaxe e Intelixencia Artificial”, Laura Pérez trouxo sobre a mesa o concepto de Coñecemento Operativo nun intento de verbalizar as competencias mínimas que precisa calquera profesional á hora de iniciarse na súa carreira laboral. Na súa experiencia como educadora de Formación Profesional atopouse coa repetición dun argumento: se temos toda a información á un clic de distancia, para que se precisa memorizar?

    A premisa ten as súas capas. Por unha banda é certo que a necesidade de acumular datos na nosa mente para dispor deles en calquera momento non é a mesma que fai cincuenta anos pois comprobar o valor dunha constante ou a equivalencia de unha medida pódese facer facilmente botando a man ao peto. Incluso, xa non é necesario coñecer todos os pasos de un proceso xa que as receitas, sexan de cociña ou de outros saberes, acostuman a replicarse de maneira infinita no Internet.

    Mais, como acostuma a ocorrer coa maioría das cousas complexas, nos detalles está o asunto. Se non asimilamos de forma segura ningún dato ou definición ficamos valeiros de coñecemento co que contrastar toda esa información da que dispoñemos. A cantidade é excesiva para calquera ser humano, pero para aquelas persoas que nunca aprenderon a navegar por mares de contas e desertos de texto, o reto é aínda maior.

    O Coñecemento Operativo é unha base da que partir coa que sempre se pode contar como filtro, como fío principal para o tecido do noso pensamento crítico. Canto maior sexa ese Coñecemento Operativo mellor será o filtrado e menores as posibilidades de sermos enganados. Por suposto que todos podemos equivocarnos, e farémolo incontables veces pois é unha parte necesaria da aprendizaxe, pero considerando a proliferación de medios de comunicación propagandísticos e de movementos negacionistas, a capacidade de discernir entre o que é certo e o que non, nunca é suficiente.

    Gústame a idea de establecer os requirimentos mínimos do Coñecemento Operativo porque permite valorar certos esforzos que moitos aprendices non acaban de comprender. Se non apreciamos o coñecemento integrado semella que podemos ser creadores empregando a última ferramenta tecnolóxica dispoñible. A realidade afástase moito delo, pois como moito podemos ser produtores, se cadra altamente produtivos, pero ao fin e ao cabo, unha simple engrenaxe. E aínda no mellor dos casos, no suposto de que a produtividade fose suficiente, atoparíamonos constantemente á mercé de outros, asumindo a responsabilidade de erros alleos transmitidos a través desas cómodas ferramentas e afrontando as súas consecuencias sen sequera comprender onde erramos.

    O erro mostraríase evidente, pero a mostra estaría no pasado, nese momento no que desprezamos a necesidade dun Coñecemento Operativo.

    Adquirilo

    E como se adquire o Coñecemento Operativo? Lamentablemente non hai maneira elegante ou apetecible de facelo. A volta a métodos tradicionais de aprendizaxe é indispensable prescindindo na medida do posible da dixitalización da educación e tomándose tempo para pasar páxinas e sacarlle punta ao lapis.

    Lembro unha historia que me contaba meu avó e me repetía moito cando comecei a empregar a calculadora no instituto. Meu avó, quen fora á escola o xustiño, principalmente de noite e no seu tempo libre, desenvolvera un gusto polas matemáticas que nunca deixou de cultivar. Conseguía facer contas de memoria a gran velocidade e atopaba xeito de resolver calquera problema diario relacionado cos números. Incluso, nos meus anos de educación primaria tiñamos como entretemento facermos multiplicacións de dúas cifras mentalmente e competíamos a ver quen a sacaba antes. Sempre me gañou el.

    A finais dos anos 80, un tío meu, e fillo del, comezou os estudos de enxeñería informática facendo que se mercara daquela a primeira calculadora da casa. Podes imaxinar a curiosidade que isto lle xerou ao meu avó quen oíra falar daqueles aparatos pero nunca empregara un. Aínda coa ilusión de poder experimentar con el, o primeiro que fixo ao collelo foi facer unha serie de operacións as cales el resolvía mentalmente e así comprobaba a fiabilidade da tecnoloxía.

    Se cadra semella ser o escepticismo dun ludita desconfiado, e en parte así era, porén esa comprobación que hoxe non nos parece necesaria no caso dunha calculadora, resulta moito máis relevante no caso da intelixencia artificial xenerativa. Falamos dunha tecnoloxía que non advirte da súa inseguridade e que non treme ao mentir xa que é incapaz de discernir entre as alucinacións que acertan e as alucinacións que fallan. Todo resultado que ofrece é pura casualidade pois falamos de modelos estadísticos que non comprenden a razón dos seus resultados, e nós como usuarios (e incluso os propios creadores da ferramenta), somos incapaces de acceder aos mecanismos que empregan.

    Se meu avó non houbese asistido a clases nocturnas de matemáticas cando tiña 21 anos, probablemente non houbese desenvolto o coñecemento necesario para cuestionarse o funcionamento da nova calculadora do seu fillo. Por sorte, as calculadoras non veñen programadas cunha axenda particular que representa os intereses económicos e políticos de quen as vende, porén sabemos que esa non é a situación que vivimos agora.

    Ignorancia Adaptativa?

    Nun mundo no que todo o coñecemento está ao noso alcance precisamos botar man da ignorancia como guía. A ignorancia é unha cuestión que xera preocupación a todo o mundo, tamén á xuventude que emprega a intelixencia artificial para facer as súas tarefas. De feito, considero que a maioría do estudantado emprega calquera método ao seu alcance co fin de reducir o erro, esa manifestación de ignorancia que ten moi mala fama. A vagancia non o é todo, non se trata só de aforrar tempo de traballo, no exercicio dunha educación que prima o un sistema de recompensa-castigo, o alumnado procura evitar este último a toda costa.

    Se o que avaliamos son os resultados, é normal que a xuventude se centre só neles. O proceso de aprendizaxe, especialmente se é a un ritmo diferente ao demandado nun preciso momento, non está a ser a prioridade da educación polo que os pupilos e pupilas non teñen razón ningunha como para dedicarlle tempo e esforzo. Pola contra, se ofrecen bos resultados, aínda sendo acadados coa trampa ou coa axuda dunha ferramenta novedosa, reciben a recompensa prometida.

    Foi escribindo este artigo que se me pasou pola cabeza a idea da Ignorancia Adaptativa. Non estou moi conforme co termo, aínda preciso darlle unha pensada, se cadra algunha persoa lectora me axuda. A Ignorancia Adaptativa sería, é, na miña cabeza, esa ignorancia da que somos conscientes e que nos asiste durante o proceso de aprendizaxe. É esa lagoa de coñecemento que se presenta ante nós e que nos mostra unha necesidade particular de aprendizaxe. É a pregunta que xorde cando menos o esperamos e fica irritante tras da orella. É a explicación que non temos para unha premisa que asumimos como verdade pero para a cal non podemos ofrecer xustificación lóxica. Todo é ignorancia, falta de coñecemento, un abismo na aprendizaxe que ameaza a supervivencia e autonomía do ser humano que a sostén. Porén, ao mesmo tempo, é o compás co que podemos navegar polo inmenso océano de información que nos afoga.

    Precisamos valorar as preguntas que evidencian a ignorancia como unha mostra de aprendizaxe e non como un fallo nos resultados esixidos. Poida que non precisemos preocuparnos tanto por se o estudantado emprega modelos de linguaxe se o que medimos é a participación na súa propia educación. Por suposto, isto é un reto para calquera persoa educadora da formación regrada xa que se ve inmersa nun sistema que non favorece esta perspectiva. A única alternativa que lle queda é a rebelión: tomar iniciativa e ir en contra do que a administración pide co fin de non renderse ela mesma nin ceder o alumnado á máquina capitalista a cal pretende facer do corpo xuvenil, un apéndice máis co que producir, inhabilitando a mente que non só reside nel, senón que pertence a el e o conforma.

    No artigo anterior mencionei a coherencia. Agora poño sobre a mesa o dereito á rebelión. Todos temos dereito a tomar acción cando se produce unha inxustiza, cando se nos está violentando aínda se non se fai por métodos físicos. Do mesmo xeito que a coherencia carrexa dificultades e esixe esforzo, a rebelión demanda coraxe e acompáñase de riscos. Convértese daquela nunha decisión persoal posto que as consecuencias tamén o serán, mais ninguén pode negar a necesidade dun cambio de paradigma que lle permita ao ser humano desenvolverse en plenitude. As xaulas de ouro non son máis que barras metálicas que constriñen o noso crecemento e nos impiden axudarlle a outros a medrar. Brillan con fermosura, pero son exactamente igual de asfixiantes que as de ferro. A ironía é que sigamos a debater se merece a pena ou non liberarse delas.

    Reaccións do Fediverso
  • Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (I): Intelixencia Artesanal

    Ideas enxeñosas sobre a cultura libre (I): Intelixencia Artesanal

    Non quería que o coñecemento compartido do último mes ficase no aire ou estancado nun repositorio cheo de videos, por iso decidín crear un post con elo, porque cando repetimos o coñecemento pouco a pouco vaise convertendo en cultura xeral.

    Da intención dun artigo saíron tres que corresponden a tres conceptos os cales me foron resultando interesantes polo que expresan ou polo que sintetizan. A miúdo indignámonos pola ignorancia coa que se enfocan certos temas e a ética da tecnoloxía non é unha excepción. A polarización, a inmediatez ou a desconfianza fan a comunicación cada vez máis difícil. Así é que atopar formas fermosas ou impactantes de comunicar a sabedoría coa que poderíamos vivir en sociedade non é trivial, senón urxente.

    Estou segura que calquera das tres mulleres que me transmitiron estas ideas estarían encantadas de que as empregarades na vosa vida diaria, nesas conversas nas que acabades coa paciencia ao vervos esgotadas ante a necidade coa que moitos afrontan a crise cultural que experimentamos.

    Estas tres reflexións apelan a diferentes áreas ou enfoques da tecnoloxía e da súa repercusión na cultura mentres que xogan todas a favor cara a imaxinar un futuro máis amable. Para este primeiro artigo escollín tratar o concepto de Intelixencia Artesanal. Unha intelixencia anterior á artificial e que hoxe se mostra imprescindible máis que nunca.

    Notaredes que emprego maiúsculas para referirme a este fermoso termo mentres que reduzo a minúsculas a intelixencia artificial (a cal, a efectos deste artigo, será sempre xenerativa, é dicir, grandes modelos de linguaxe). Esta é unha decisión consciente porque me gustaría que polo menos durante o tempo que lle leve á lectora rematar este curto texto, se tome en serio e se centre no que a Intelixencia Artesanal supón para todos nós.


    Intelixencia Artesanal

    Elena Romero, ciberactivista de Honduras, membra de Barracón Digital e colaboradora con numerosas organizacións pola defensa dos dereitos humanos, fala sobre a necesidade de conectar as mans e o cerebro. A aprendizaxe é un proceso moi complexo que o ser humano desenvolve ao longo de moito tempo e de xeitos moi diferentes. Esta última apreciación, considero, é esencial para comprender por que precisamos recordar as vellas técnicas artesanais, esas outras tecnoloxías que deixamos atrás pero que nos axudaron sempre na adquisición de habilidades. O emprego da intelixencia artificial na educación, o exceso de pantallas e a dixitalización de absolutamente todo tipo de aprendizaxe está a xogar na nosa contra pois esquecemos prestarlle atención á experimentación física do coñecemento.

    A aprendizaxe temperá do ser humano baséase na imitación, no modelado de condutas que observamos e na repetición de accións físicas nas que fomos instruídas. Poida que unha vez obtemos un certo nivel de coñecemento, unha vez que o noso pensamento crítico e as nosas capacidades acadaron certa plenitude, daquela podemos iniciar a aprendizaxe pola vía teórica exclusiva, e aínda así, habería que recoñecer os seus límites. A contraposición dos conceptos de intelixencia artificial e Intelixencia Artesanal paréceme brillante. Non se trata de menosprezar a primeira, consiste en admitir a necesidade da segunda.

    Penso que pasamos demasiado tempo discutindo de se a intelixencia artificial é útil ou non, cando o certo é que esa non é a cuestión. Aínda que ata o propio CEO de Microsoft está preocupado de que non atopan xustificación algunha para o seu emprego, o que considero verdadeiramente interesante é cuestionarnos se nos podemos permitir empregala, se o seu uso é a todas luces lexítimo. Non se pode extraer un único aspecto dunha tecnoloxía, neste caso a súa utilidade, para discutir o seu valor en totalidade. Precisamos ter sempre en conta as súas consecuencias, pois levamos miles de anos vivindo sen os seus beneficios e seremos nós os que viviremos cos seus efectos negativos irremediablemente. Ninguén pode negar que a intelixencia artificial ten graves repercusións no desenrolo e mantemento das nosas capacidades cognitivas ademais de que é a causa dun retroceso na xestión da crise climática. Polo tanto, a súa utilidade é a cuestión menos relevante nestes momentos, o realmente crítico son os seus resultados nocivos.

    Pola contra, a Intelixencia Artesanal proporciónanos non só coñecemento técnico, senón que exercitamos a intuición ao crear conexións nerviosas entre o noso cerebro e os nosos músculos. Trátase de aprender co corpo.


    Aprender co corpo

    Penso que hoxe en día calquera escoitou falar da desconexión que sofre o ser humano en relación á natureza, a que o rodea é a súa propia. Este último caso é ao que fai referencia iso de “aprender co corpo”. O dualismo de mente e corpo fíxonos crer que podemos separar a mente (xunto co raciocinio) do corpo ( e as emocións), levándonos a estados de inconsciencia, incluso en alerta, que se afastan moito da lóxica e do coñecemento. Recuperar esa conexión co corpo a través da Intelixencia Artesanal é un camiño de resistencia ao tempo que nos protexe dos ataques aos que as grandes empresas tecnolóxicas nos someten. Este vello tipo de aprendizaxe permítenos desenvolver as nosas capacidades dentro dun equilibrio medioambiental e cognitivo. Non contamina o noso entorno e non contamina as nosas cabezas.

    Intelixencia para a resistencia

    Compre definir ben aquilo contra o que resistimos para así poder actuar acorde. A miúdo caemos en inconsistencias porque o sistema nos empurra a facelo, e outras moitas esas inconsistencias aceptámolas e escusámolas porque nos resulta máis cómodo. Hai uns días, Alex Karp, o CEO de Palantir, expoñía un manifesto que se asemellaba moito ás ameazas dun supervilán. Viña a dicir que o desenrolo de intelixencia artificial está dirixido cara á proliferación de armas e que o contrario é inevitable. Considerando que Palantir está fundada por un dos homes máis ricos do mundo e ten o respaldo do país máis poderoso, non debería ser difícil definir o obxectivo da nosa resistencia.

    E con todo, o debate persiste. En España, son poucas as persoas que considerarían vivir nunha sociedade que permita levar armas a calquera cidadán como si o fai a estadounidense. E no entanto, discutimos de usos lexítimos da intelixencia artificial no seu emprego cotidiano. Do mesmo xeito que nos prantexamos as limitacións do emprego de armas temos que dubidar da intelixencia artificial.

    Un tema de coherencia

    Escoito da boca de Elena Romero o concepto de Intelixencia Artesanal no contexto dunha semana centrada no software e a cultura libre. Estou rodeada de persoas que apoian o emprego de ferramentas dixitais libres e procuran mellorar a nosa relación coa tecnoloxía creando e promovendo alternativas éticas a esas que proporcionan as grandes empresas. Procuran daquela ofrecer soberanía dixital e tecnolóxica á toda a poboación e, en especial, á que resiste.

    Por suposto, o constante debate sobre a intelixencia artificial non puido ser evitado, e de novo caeu con máis frecuencia do que a min me gustaría sobre a cuestión da súa utilidade. Non por iso se deixaron de lado as cuestións éticas, aínda que, penso, se cometeu un erro de lóxica ao propoñer os modelos de intelixencia artificial libres como unha opción que pode limpar as nosas conciencias. Persoalmente, non vexo que esa alternativa alivie os seus efectos nocivos.

    Cando substituímos un procesador de texto maligno e comezamos a empregar LibreOffice estamos a facer un cambio que ten consecuencias na estrutura social, no tecido económico e no balance de poderes, mais digamos que fica nese cosmos ficticio que rexe a nosa sociedade. Non por ser ficticio é menos real, porén, no caso da intelixencia artifical temos un nivel máis sobre o que traballar, un grado de preocupación engadido ao que prestarlle atención: o seu efecto directo no mundo físico. O seu emprego non só afecta á sociedade e a organización da mesma, tamén afecta ao medioambiente que soporta a vida, é dicir, o aire que respiramos, a auga que bebemos e a terra que cultivamos. Todo elo, independentemente de se é software privativo ou libre. Non se trata de usar intelixencia artificial de código aberto ou soportada por unha infraestrutura pública, pois de pouco nos serviría se a tecnoloxía en si mesma se basea en consumir recursos dos que non dispoñemos. Podemos traer á discusión modelos executados localmente que consomen menos enerxía ou tipos de intelixencia artificial que non precisan adestramentos tan custosos, mais nunca poderíamos permitir un chatbot ou un axente que interactúa cun LLM (grandes modelos de linguaxe).

    Durante unha das súas intervencións, Elena Romero describiu a súa posición como radical xa que considera que fuxir do emprego da intelixencia artificial é “un tema de coherencia”. Arguméntao sinxela pero contundentemente ao explicar a situación na que se atopa o seu entorno. Di que lle resulta difícil defender o seu uso cando unha ve a diario o espolio e a explotación da túa terra e da túa xente. A súa posición é, de certo, radical, pero non como unha opinión extremista o pode ser, senón como a análise profunda dunha problemática que pretende ir á raíz da cuestión. Lémbrame a iso que din de “ninguén será libre ata que todos sexamos libres”.

    A coherencia é a forma máis radical de resistencia pois apártate do control que o poder pretende exercer sobre ti. Por suposto que continúas exposta á violencia coa que o poder arremete, mais esta tamén se ve reducida, en particular no caso daqueles que empregan as tecnoloxías da comunicación como arma para desmontar o noso pensamento crítico, a nosa intelixencia.

    Regresar á Intelixencia Artesanal é unha necesidade, especialmente, se o que pretendemos é resistir. Escribir a man, debuxar no papel, moldear o barro ou esculpir a madeira. Cultivar, coidar e crear. Conectar a mente coas mans e experimentar, algún día, iso que vai máis alá da intelixencia: a sabedoría.


    Nas próximas semanas irán saíndo os outros dous artigos. No seguinte aproveitarei a desenrolar o concepto de coñecemento operativo, que nos presentou Laura Pérez na charla-coloquio sobre “Aprendizaxe e Intelixencia Artificial”.

    Reaccións do Fediverso