Hai unha historia que se repite en todas as culturas. Sempre son versións diferentes adaptadas aos valores da comunidade, mais sempre coinciden na trama principal. O diluvio universal. O desgusto de Deus
ao ver ao ser humano tratándose mal uns a outros, sendo egoísta e malvado. Un Deus, en definitiva, decepcionado co comportamento da súa creación.
Aquí todos coñecemos a versión cristiá, esa na que Deus decide castigar. A cultura occidental gusta moito de impartir xustiza con crueldade e todo se remonta a esta historia que lle contamos aos nenos. Os contos que escollemos transmitir importan tanto como as palabras
que empregamos ao facelo. Na illa de Tasmania conservan unha versión, a pobo Mapuche ten a súa, a mitoloxía vikinga non creo que se esquecese dela. Agora ben, as palabras que usan son outras, a mensaxe é outra.
A franxa de Gaza ven de sufrir intensas choivas que se mesturan coas
precarias e indignas condicións de vida as que o goberno Israelí lles impuxo coa forza dos seus destrutivos ataques. Miles de familias que vivían en tendas de campaña ficaron sen sequera ese teito provisional de tea ao que un nunca se acostuma. Outras moitas pereceron no
derrubamento de edificios xa moi deteriorados polos estragos materiais deste xenocidio inhumano. Segundo a historia de Biblia que nos conta o diluvio universal como un castigo poderíamonos preguntar que tan grande mal fixeron os palestinos para merecer que lles caia enriba un desastre ambiental sobre a desgraza que xa sufrían.
A min gústame escoitar as outras versións da historia do diluvio porque delas non só saco outras leccións senon que observo como de deseñada foi a nosa cultura para enfocar as nosas mentes no mal, na dor, no sufrimento, e así manternos sometidos. A versión que máis me gusta escoiteina estudando a cultura Innu, un pobo veciño dos Inuit que por aquí chamamos, en contra da súas vontade, esquinais. Os Innu son pouco coñecidos porque os franceses cometeron un xenocidio sobre as terras canadenses que eliminou a meirande parte da súa poboación e erosionou a súa cultura. Esta historia é das poucas cousas que aínda se transmiten.
Para os Innu Deus, ou máis ben a Nai Terra, inundou o mundo non porque
quixese castigar ao ser humano que se estaba a pelexar e a comportarse con egoísmo; inundouno para limpalo daquilo que fose o que nos facía comportarnos así. A historia fala de numerosos animais que unha vez inundado o planeta trataron de axudar ser humano. Estes mergulláronse un por un nas profundas augas do océano que todo o cubría para tratar de conseguir un pouco de terra sobre a que o humano puidese pisar. Todos fracasaban no intento pois estaba escuro e sobre todo, era moi fondo, o cal retornar á superficie resultaba imposible. O oso, o porco espín, o teixo… Todos se sumerxían e retornaban coas mans baleiras.
Tamén o quixo intentar unha musaraña (eses ratiños pequenos de campo) e todos riron porque non posuía as cualidades necesarias para logralo. Faltábanlle músculos, pulmóns, tamaño… Mais a musaraña quería axudar ao humano e lanzouse ás augas. Durante minutos esperaron e non o viron, durante cinco, dez, vinte… Todos os demais animais souberon que a musaraña se perdera baixo a auga ata que unha águia a viu frotando ao lonxe e a trouxo voando. A musaraña estaba morta como era de esperar pero as súas manciñas estaban cerradas apertando un pouco de terra que rescatara do fondo do mar. A musaraña arriscárase alcanzando as profundidades marinas e non puidera saír a tempo á superficie.
Foi o animal máis pequeno e débil o que se atreveu a reconstruír o terreo sobre o que o ser humano pode hoxe camiñar, fíxoo a risco de perder a
vida porque cria e sostiña uns valores, o palestino é o pobo máis vulnerable, é o que xa non ten músculos, os seus pulmóns están cheos de pó e o seu tamaño reducido a unha franxa. Pero eles ensínannos que non se trata das forzas que teñamos, nin dos recursos dos que dispoñamos, senon que son os valores dunha cultura son os que nos permitirán loitar contra o fascismo (sobrecolledor e inmenso na
súa crueldade como o propio océano) e os que nos axudarán a construír un mundo firme sobre o que camiñar.
As choivas que inundaron os asentamentos Palestinos non son un castigo de Deus, é a Nai Terra que trata de limpar o territorio que Israel manchou perpetrando un xenocidio, e de paso, un ecocidio. Os activistas que perseveran en levarlles axuda humanitaria son esas musarañas que non dubidan en arriscar a súa vida no mar para axudar aquelas vidas que consideran que merecen vivir coma os demais. Preocúpanme as historias que lles transmitimos aos nosos fillos, as que se contan na radio, as que se representan no teatro, as que se exhiben nos cines… A cultura capitalista está chea de historias coas que enganarnos, coas que nos fan pensar que a dignidade ten que ver coa acumulación e a felicidade co consumo. Israel ten armas, bombas e un exército experimentado, pero o dano máis profundo fano as súas historias, as que lle contan á prensa nacional e internacional, as que emprega para excusarse e lixitimar as súas aberracións. Son historias que se mimetizan no discurso hexemónico que se transmite día a día e que pon en dúbida o moito que nos afecta o xenocidio do pobo palestino.
Cando lembramos ou estudamos o holocausto nazi en Alemania moitos pregúntanse como era posible que houbese tantos cidadáns que ignoraban o que o seu goberno estaba a facer. Nun comezo era fácil, abondaba con non pensalo. Logo algúns viron como secuestraban aos seus veciños e amigos, daquela as historias que se tiñan que contar eran complexas. Pouco a pouco precisaban máis historias que excusasen a existencia de campos de concentración a uns centos de quilometros das súas casas.
Hoxe en día todos nos sorprendemos e desfrutamos algunha vez do rápido que se pode viaxar. En cousa dunhas horas cruzamos Europa e nun día podemos plantarnos no outro lado do globo. As distancias, por dicilo dalgún xeito, son agora máis cortas. Palestina está máis preto das nosas casas do que pensamos. A historia deste xenocidio é a do castigo, un castigo impartido polo poder capitalista que domina o globo terráqueo e que pretende darnos unha mensaxe. É o conto co que nos advirten para que nos manteñamos dentro da “normalidade” e das “esixencias” do capital (o o ser humano comvertido en máquina e explotado como un esclavo que se presta voluntario). Palestina está ao fondo do mesmo Mediterráneo que baña as nosas costas e tingue a nosa historia de sangue e vergoña. Precisamos reescribir a nosa cultura coa finalidade de que non haxa cabida para máis historias de crueldade e vinganza.

Deixa unha resposta