Galicia: o territorio que se vende barato e se paga caro

Vivimos nunha terra fermosa chea de recursos que nos alimentan e nos gorecen, que permiten e fomentan a vida. Todos son importante e necesarios e todos están sendo mal xestionados. Neste artigo non quero buscar culpables, aínda que se me ocorran moitos nomes. Tampouco desexo facer mal sangue ou xerar frustración. Gustaríame que estas liñas sirvan para espertar conciencias individuais que constrúan en colectivo unha cultura do territorio, semente para unha transformación do mesmo, cara a sustentabilidade e o coidado do planeta.

Os catro elementos da vida e da natureza

A táboa periódica describe máis de cen elementos coas súas características. A química conseguiu converter en matemáticas a composición do noso ambiente facilitando o cálculo e análise de calquera partícula que nos rodea. E aínda así, abondan os mesmos catro elementos de sempre para ensinar as leccións máis importantes.

Un avión aparcado ao atardecer

AIRE

Dende que a humanidade camiña sobre a Terra, do aire sacamos osíxeno que nos permite respirar e converter en enerxía aquilo que comemos. Hoxe en día, se sopran os ventos adecuados, tamén nos pode proporcionar electricidade.

Mais o aire chega a miúdo cargado de dióxido de carbono e outros químicos que non lle deixan aos nosos pulmóns sentiren unha vida digna creando enfermos crónicos que nin se recoñecen socialmente nin se lles apoia. Os eólicos, eses xigantes que prometen un futuro “verde”, aparecen sen planificación ningunha, nin para buscar o lugar axeitado onde asentarse nin para ter en conta o seu desmantelamento unha vez caduquen algúns dos seus compoñentes convertendo a posibilidade dunha enerxía limpa nun novo negocio baseado no abuso de recursos e no acúmulo de desperdicios.

O aire pasou de ser a fonte da nosa respiración a converterse no vertedeiro da industria ou nun recurso que vender a bo prezo mentres que os habitantes de Galicia e a maioría do mundo en xeral, se ven obrigados a pagar un alto prezo que se cobra na súa saúde e no seu ben estar ambiental.

Ponte Maceira, unha ponte medieval. Nesta foto vense dous arcos. Por debaixo hai vexetación e as augas do río Tambre

AUGA

Se hai un elemento que confiemos como indicador de vida, ese é a auga. A auga como molécula sinxela necesaria para formar outras máis complexas. A auga que regula as temperaturas e humidece o ambiente. A sustancia que permite o transporte de nutrientes a través do corpo e polo aire, duns a outros. Dous litros de auga ao día, din as recomendacións, xa sexa bebida ou consumida en alimentos.

O esteiro, o regato, a fervenza… A poza, a lagoa, a fonte… Os ríos, a ría, o mar… Son a base do traballo de milleiros posta en risco polo beneficio dunhas poucas empresas que non asumen responsabilidade. En auga limpa mídese a supervivencia do ser humano e de calquera outra especie de tantas das que dependemos. A defensa da auga non é máis que autodefensa.

Unha mina abandoada. Na parte superior vense algúns eucaliptos, no fondo a auga comezouse a acumular tal que unha lagoa

TERRA

Po. Pedras. Raíces, sementes, fungos, bacterias, insectos, miñocas, toupas, ratiños… Leituga, tomate, trigo. A vaca que pace, o año que mama, o cabalo que trota. A terra é a orixe de toda a vida, desa vida que xurde coa axuda da auga e do aire, limpos, por suposto. E seguimos a identificala con sucidade, coma se a porcelana non viñese do barro.

O solo está intoxicado, do mesmo xeito que os nosos corpos rezuman contaminación, o chan sofre desertización. Profanamos a terra con minas innecesarias para obter minerais como o litio que acumulamos en vertedeiros por pura lacazanearía de non reciclalos, porque seica resulta pouco lucrativo comparado con explotar fincas desvalorizadas pola ignorancia dos seus propietarios.

A terra segue esperando a que miremos para ela e vexamos máis alá dos nosos fociños pois ela desexa mostrarnos a beleza do subsolo. A vida que se agocha baixo os nosos pés e que tamén forma parte da totalidade do noso fogar.

Un incendio. O ceo con nubes pero bastante despexado vese cuberto na parte dereita por unha fumareda contra a cal se reflexa a luz vermella do lume. Máis escuras vense a ssombras das montañas e das árbores que están máis preto da cámara

LUME

O que nos quenta e nos proporciona conforto. Transforma unha cociña nun lar, unha casa nun fogar. Con el, comezamos a cociñar e seguimos facéndoo. Alimentámonos e desenvolvímonos como especie adquirindo capacidades que nos permitiron adaptarnos. E agora, debemos temelo, porque o lume que nos quentaba hoxe escapa ao noso control e provoca incendios debastadores.

O manexo dos montes está baseado nun modelo de monocultivo que está probado como a causa principal dos incendios debido á imposibilidade de limpeza forestal necesaria para o mantemento do sotobosque, ou simplemente pola desaparición de ambientes húmidos que frearían o avance das lapas.

Fitamos mirando para o lume fascinados como cando eramos cativos, atemorizados polas consecuencias que o seguen, e volvemos facelo cada ano a pesar de que a solución só precisa ser aplicada.

Os cálculos dun mal negocio

Hai quen vende o seu terreo ou a súa alma ao primeiro que lle dea unhas moedas poñendo a súa propia subsistencia e a dos seus veciños en perigo. Hipotecan o futuro de aqueles aos que chaman “lacazáns” para logo nin sequera facer un bo negocio. Buscan o carto fácil porque non aprecian o valor do seu territorio. Non saben que o seu pequeno monte, o cal para eles só significan uns miles de euros de eucalipto pasados quince anos, é moito máis importante, é a posibilidade dun aire limpo que respirar, é auga que se depura de forma natural, son animais que pechan o ciclo de vida, en definitiva, o seu sustento.

No fondo, sobre unha mesa, unha pantalla con gráficos de barras. Sobre a mesa hai papeis con gráficos tamén e unha calculadora. Unha man indica cara a calculadora como mostrándoa que está alí
Photo by Jakub Żerdzicki on Unsplash

Milleiros de persoas carecen de acceso á terra por falta de recursos económicos ou por outras cuestións políticas, mentres que uns necios deciden vender os seus terreos a empresarios que xa posúen medio planeta. Se o territorio non vale nada porque o están a mercar a moreas aínda cando non teñen un uso específico para el?

Se cremos que se deben poñer eólicos porque a transición ecosocial é necesaria, temos que asegurarnos de que se fai tendo en conta as persoas e á biosfera. Doutro xeito, nin é eco, nin é social.

Se pensamos que a industria é necesaria para o progreso do noso país, temos que preocuparnos de que sexa beneficiosa para a poboación máis vulnerable. Doutro xeito, só progresan os que xa teñen de máis.

Se pensamos que o manexo de minerais raros é un bo negocio, temos que procurar que o seu beneficio económico non supoña unha fonte de contaminación innecesaria. Doutro xeito, só nos están a roubar para logo cubrirnos de lixo.

Regalarllo todo a uns cantos obsesos de poder non é a forma de mellorar. A non ser que sexas tan inxenuo como para pensar que unha vez obteñan todo o poder sobre o territorio van a ser benévolos coas formiguiñas que vivimos nel.

Precisamos daquela construír unha cultura do territorio que terme de que os catro elementos da natureza fiquen en constante equilibrio e permitan así o adecuado desenvolvemento da vida, no planeta e en Galicia.

Reaccións do Fediverso

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *