Eu tamén saín de festa. Fun a discotecas e movinme entre aglomeracións. Eu tamén estiven en concertos e locais nos que falar era todo un reto. Agora, pola contra, resúltame inimaxinable meterme neses ambientes. Resúltame pouco desexable. Resúltame incrible que algún día o fixera.
Como facía eu antes para facer tantas cousas tan estimulantes? Estoutro día estiven falando cunha amiga que se facía a mesma pregunta. Semella que non é cousa dunha soa persoa, que somos moitas as que nos cuestionamos que andabamos a facer ata agora. A primeira vista non queda claro se é que eramos sempre estes seres hipersensibles ou é algo recente. Nácese con sensibilidade ou é algo que se desenvolve ao longo da vida? Unha cousa non ten por que excluír a outra, mais coñecer “o noso propio proceso de creación” pode ser moi beneficioso.
Como facía eu antes para soportalo? Lembro sentirme anestesiada e incapaz de reaccionar ao cruzar polo medio da xente. Algunha amiga ou parella precisaba darme a man para eu poder avanzar. A miúdo buscaba escusas para fuxir do barullo. Lembro botar man do alcohol para poder aguantar o ritmo, para apagar o ruxir do meu cerebro. Incluso, lembro ter resaca na mañá seguinte aos días nos que non bebía. Este último detalle sempre me xerou confusión ata que descubrín que o que tiña non era resaca senón unha sobrecarga sensorial de libro.
Somos nós ou é a sociedade a que non pon un limite razoable? Os paxaros afástanse dos ruídos altos. Os animais salvaxes esperan á tranquilidade da noite para introducirse na zonas urbanas. A natureza polo xeral é silenciosa.
Paréceme curioso que o que nos molesta aos neurodiverxentes descríbese facilmente como contaminación ambiental producida polo humano. Ruídos de motores e aglomeracións, luces brillantes, o cheiro de químicos… Somos canarios e o planeta unha mina. Non é que todo elo non afecte aos neurotípicos, simplemente non o notan. Aínda. Algún día, o ser humano mirará cara atrás e farase a mesma pregunta: Como facía eu antes?
Mentres tanto, “aos rariños, aos especiais, aos sensibles” tócanos esforzarnos ata quedarnos sen enerxía para encaixar as nosas vidas nun mundo que ten moi pouco respecto polas nosas necesidades. Non o facemos precisamente polo cómodo que é atravesar o mundo con altofalantes, auriculares e tapóns nos oídos; e tampouco por modas, como algúns lles gusta dicir. Facémolo porque desexamos formar parte da sociedade, porque precisamos cubrir os nosos gastos, porque estamos cansos de ser xulgados, porque queremos ser independentes, porque queremos movernos con liberdade… E porque moi poucas veces se nos facilita o camiño.
Deixa unha resposta