Un catalizador de cambio: a agricultura rexenerativa demostra aforros e moito potencial para derrubar algún que outro lobby

Dous campos cultivados de forma diferente. O primeiro, agricultura rexenerativa, con cubertas verdes e o segundo, método tradicional con químicos, a terra ao descuberto e con aspecto seco.

A adopción deste novo sistema agrario ten o potencial de desestabilizar os poderes hexemónicos da economía. Se por unha inercia de maximización de beneficios se implementa a agricultura rexenerativa, o lobby da industria química perderá a súa influencia. Por un lado temos unha mellora da alimentación e do ecosistema e por outra unha mellora da saúde das persoas co que poderán reaccionar con máis forza e sabedoría.

Fai cousa de dúas semanas chegou á miña pantalla un artigo do xornal El País no que expoñen como se están a acumular estudos que demostran non só a viabilidade da agricultura rexenerativa como alternativa senón que se ergue como unha estratexia económica para que os empresarios da industria agraria consigan reducir os seus gastos de cultivo.

RegeneraCat é un proxecto español que desexa expandir a agricultura e viticultura rexenerativa en todo o territorio. Para elo están a levar a cabo un seguimento de catro fincas de gran tamaño co que obter máis datos que refendan esta alternativa. O éxito ecolóxico está asegurado e a mellora financeira a longo prazo tamén, mais laméntanse de que a transición, a pesar de merecer a pena facela, pode supoñer un período complicado para algunhas familias.

Existen xa varias iniciativas impulsadas polos propios traballadores do campo creadas co fin de facilitar o acceso aos coñecementos requiridos para dar o paso e algunhas, incluso, como acompañamento daqueles que non desexan esperar máis ao cambio. Un exemplo é o de The Regen Academy que aporta cursos presenciais e online escollidos segundo as necesidades que os seus impulsores foron detectando durante o seu propio proceso de transición agraria. Estas iniciativas non se tratan de pequenas explotacións complementarias a outros traballos, estamos a falar de grandes produtores de alimento que están a competir no mercado ante aqueles que sobreviven a base de químicos contaminantes chegando a facerlles tanta competencia como calquera, no entanto, mellorando o ecosistema.

Que pasará cando a agricultura rexenerativa se sobrepoña como ante o cultivo tradicional químico?

Non vexo como pode ocorrer doutro xeito. O capitalismo esixe que unha empresa estea constantemente buscando opcións que lle permitan reducir os seus custos de produción. Estamos agora ante unha alternativa ecolóxica que ofrece esta posibilidade e non só iso senón que os agasalla cunha estabilidade no mercado da que os produtores non dispoñen ata o momento. Son estas características as que me fan pensar nun futuro inevitable para a agricultura.

Os grandes produtores verán pouco a pouco como unha serie de pioneiros lles adiantan pola esquerda mentres eles se afunden pouco a pouco na desertización que o seu sistema agrario implica. Non precisarán de incentivos ecolóxicos nin de discursos sobre o ben común para escoller este camiño. Verán as cifras e non terán máis alternativa que claudicar. O avance do coñecemento biolóxico antepúxose ao químico, son tempos de se modernizar.

Pode semellar irónico, pero ten todo o sentido do mundo. Un futuro que respecte o ecosistema é un bo futuro para todos, inclusive aqueles que só aprecian o seu propio beneficio.

Con esta dirección non tardaremos moito en acadar ese momento non que a industria química, tal e como está concibida a día de hoxe, experimentará unha crise de decadencia. Dei con esta conclusión ao calcular as consecuencias do cambio. Se a meirande parte das terras cultivadas prescinden de fertilizantes e pesticidas químicos a comercialización destes produtos notará unha caída importante. Mais esa non é a única consecuencia. En pouco tempo o ecosistema rexenerarase aportando unha alimentación más sa á poboación, co que as persoas verán as súas doenzas crónicas melloradas, os índices de cancro descenderán e as enfermidades autoinmunes diminuirán.

A redución do emprego de químicos na agricultura terá un efecto beneficioso na saúde das persoas e isto verase reflectido no consumo de medicamentos e na demanda de tratamentos citotóxicos supoñendo una nova crise para as ventas da industria farmacéutica. O ciclo pecharíase coa perda de influencia do lobby químico. Empresas como Bayer, perderían as dúas patas que as sosteñen impedíndolles extorsionar aos gobernos e aos consumidores como ata o de agora. Considerando que este é un dos lobbies con maior impacto a nivel mundial, penso que non é unha esaxeración pensar que o seu afundimento pode supoñer un momento de inestabilidade nos poderes hexemónicos abríndose deste xeito unha fiestra para que a soberanía do pobo sexa conquistada.

A miúdo, a caída dun imperio non é máis que o nacemento doutro. Se cadra desta vez, con todo o aprendido, estamos antes a orixe dun novo orde no que as prioridades non as decidan uns poucos co becho da avaricia, senón que as dite a nosa señora Natureza.

Comentarios

2 respostas a “Un catalizador de cambio: a agricultura rexenerativa demostra aforros e moito potencial para derrubar algún que outro lobby”

  1. Avatar de Lucía Ferro

    @lucia_ferro@blogs.amarinha.gal Escribín este artigo cun sabor doce de boca. Para que non todo sexa malas novas!

  2. Avatar de agremon
    agremon

    Coido que estamos nunha etapa de ‘descobrimento socioplanetario’. En canto somos conscientes -polo que sexa, porque pasa a cobrarse, porque sentimos os efectos negativos en propia carne, …- do balance económico total, externalidades incluídas, en xeral rematamos vendo que o natural é o máis económico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *