Que é a tecnoloxía para o ben común?

Parede alta de cor amarela con decenas de espellos cadrados colocados como un mosaico

O discurso popular está dividido en dous. Os que defenden as posibilidades dun progreso tecnolóxico para resolver os problemas que afectan actualmente a vida na terra e os que negan a posibilidade dun futuro ecolóxico cun emprego xeneralizado da tecnoloxía. Se cadra todos teñen razón e todos están errados.

Comezamos a ser conscientes de que os problemas máis dificultosos non poden ser resoltos con tecnoloxía.

O avance do fascismo e doutras ideoloxías tóxicas non se soluciona con microchips. A conexión humana segue a ser un elemento indispensable. Pódese pensar que con máis innovacións tecnolóxicas haberá máis tempo dispoñible para aquelo que compete á capacidade humana, porén estamos a ver como a IA máis que axudar está xerando precarización no día a día de moitas persoas. Tampouco podemos ser inxenuos e crer que unha volta ao pasado abondaría para solucionar as nosas penurias xa que a situación actual non é máis que unha consecuencia da evolución social que experimentaron os enfoques do pasado.

Así pois a única alternativa e buscar un punto entre medias, un equilibrio que nos permita seguir avanzando pero sen deixar cadáveres polo camiño nin hipotecar o futuro. A tecnoloxía para o ben común será aquela que beneficie a toda a humanidade por igual, e xa de postos, a toda a vida do planeta. Un concepto sinxelo e que pouca oposición pode ter de primeiras. Mais ao reflexionar sobre elo a min xórdeme unha pregunta.

Cal é a característica básica dunha tecnoloxía para poder considerala “do ben común”?

No seu libro “Cuatro lecciones sobre anarquía y anarquismos”, Carlos Taibo admite unha certa desconfianza de cara a tecnoloxía e coincide con Zerzan en que “todas as tecnoloxías creadas por o capitalismo levan por detrás a pegada da división do traballo, da xerarquía e da explotación.” No entanto, noutra charla que lle escoitei sobre o decrecemento, Taibo menciona tres requisitos, que de ser cubertos por unha tecnoloxía particular, convértena nunha aliada deixando de ser, daquela, unha ameaza.

O primeiro requisito de Carlos Taibo é a condición social da tecnoloxía a analizar. É dicir, a quen beneficia dita innovación. Son moitas as persoas beneficiadas? Son uns poucos os que absorben todo o valor xerado? Podemos dicir que o primeiro requisito está estreitamente ligado á definición simple de tecnoloxía para o ben común. Que o beneficio chegue a moitos e sexa repartido.
O segundo requisito responde á súa natureza eco-enerxética. Con isto refírese ao consume de enerxía necesario para manter a tecnoloxía en funcionamento. Se ese consumo afecta ao estado do ecosistema que recibirán as xeracións vindeiras, daquela estamos a falar dunha tecnoloxía que sendo todo un luxo a día de hoxe, será a débeda que afectará aos nosos descendentes quen terán que pagar o prezo e os intereses.
Finalmente, o último requisito fai mención á política expoñendo o risco que supón unha tecnoloxía estruturada de tal xeito que escape a un control democrático permitindo monopolios ou actitudes totalitarias que exerzan un poder obtido a través da propiedade de dita tecnoloxía.

Estou bastante de acordo con Carlos Taibo, de feito, considero que estas son moi boas indicacións á hora de analizar e valorar as tecnoloxías. Con todo, esquecemos que o capitalismo nunca deixa de sorprendernos co seu potencial de crueldade. Se poñemos por caso unha tecnoloxía no ámbito da saúde, por exemplo o deseño dunha prótese para amputacións, penso que sería fácil de ver como pasa estes requisitos e aínda así non creo que se trate de tecnoloxía para o ben común.

Explícome.

O deseño dunha prótese trátase de algo que beneficia a un grupo vulnerable da sociedade. Calquera de nós pode formar parte deste colectivo e por tanto é unha tecnoloxía que pode beneficiar a moitos. O consumo de enerxía da produción dunha prótese é sen dúbida un custo asumible se pensamos na independencia que lle aporta aos seus usuarios pois estes non precisarán empregar outros recursos á hora de desenvolver a súa vida diaria. Se un se pode desprazar camiñando non precisará coller un taxi para un par de quilómetros. Cando chegamos ao último requisito, nese no que se estuda a capacidade de control democrático que se pode exercer sobre a tecnoloxía, observamos, que se ben a súa natureza política non impide o control, o capitalismo consegue facerse con el sexa por medio de sistemas de saúde privados ou públicos.

Non cabe dúbida de que precisamos próteses para aqueles que as precisen, mais non podemos esquecer que a discapacidade a miúdo ven por falta de accesibilidade e non por falta de tecnoloxía.

Un espazo público más accesible pode significar un cambio para un maior número de persoas, teñan ou non a posibilidade de desfrutar dunha prótese, pois sempre existirán persoas dependentes dunha cadeira de rodas.  

Con esta encrucillada é coa que nos atopamos a diario. Moitos traballadores da industria tecnolóxica non teñen a posibilidade de decidir se as súas innovacións serán empregadas para o ben común ou a explotación dun mercado. É este feito o que me leva a pensar que non existe unha ampla variedade de tecnoloxía para o ben común e que as características que esta posúe deberían ser aínda máis restritivas.

Tras cavilar moito decateime de que as tecnoloxías que verdadeiramente son incorruptibles son aquelas nas que durante o desenvolvemento do proxecto non se lles deixou oco algún para a súa capitalización. 

É dicir, son innovacións pouco susceptibles de ser financiadas por fondos de inversión xa que aínda sendo o seu un futuro socialmente exitoso, non o será no ámbito económico. Dito doutro xeito. o produto ou invención innovada non poden converterse en capital, nesa acumulación de diñeiro que se diferencia do ingreso pois non o precisas para sobrevivir senón que se dispón del para “xogar ao Monopoly”.

Podo entender como este requisito para a tecnoloxía pode semellar severo e excesivo, mais coido que non se acada un ben común sen uns principios esixentes que manteñan presente a interseccionalidade inherente á vulnerabilidade. Esta non é a definición oficial de tecnoloxía para o ben común, é tan só a miña forma de velo.

Comentarios

2 respostas a “Que é a tecnoloxía para o ben común?”

  1. Avatar de Lucía Ferro

    @lucia_ferro@blogs.amarinha.gal Aquí, arriscándome a dicir catro cousas sobre a tecnoloxía para o ben común…

  2. Avatar de Teresa Díaz Iglesias
    Teresa Díaz Iglesias

    Vou responder a unha pregunta q fas no texto máis tecnoloxia deixaranos máis tempo libre?
    Penso que non q nos fará máis esclavos.
    Como ben dices ten que haber un equilibrio e un bo uso delas útilizalas para cousas necesarias como na investigación , ciencia…
    A túa opinión é acertada pero non
    dacordo co mundo no que nos desenvolvemos.
    Sigue loitando polo que crees ,algo conseguirás , pero moito máis vai conseguir o capitalismo e os cartos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *