Atopei inspiración da boa grazas a empregar este software libre

Un libro pechado e outro aberto onde se ve un poema

Latex “en modo creativo”

Vouvos a contar como explorei a miña creatividade dun novo xeito grazas a empregar unha ferramenta de maquetado que respeta a miña arte.

Latex pasou de ser unha ferramenta técnica para facer a “parte aburrida” do maquetado a converterse nunha fonte de creatividade coa que conseguín darlle á miña última obra un valor engadido digno das vangardas.

Son escritora de libros, especie en perigo de extinción a pesar da súa numerosa poboación; e nos meus comezos, experimentei dificultades para entrar no mundo editorial por falta de habilidades sociais. O illamento social, o que se supón que é unha característica común e ata necesaria para esta profesión, tornase como un gran impedimento no mercado laboral, e máis aínda, no editorial. Buscando unha alternativa que se adaptase á miña forma de ser, dei coa autoedición.

Nos primeiros libros botei man do enxeñeiro máis achegado para o maquetado do texto. Ao non coñecer as ferramentas informáticas necesarias para a tarefa limiteime a observar o proceso e a asesoralo cos detalles de estilo e gramática que se debían respetar ou con algunha que outra particularidade no que a estructura se refire. Este primeiro contacto con Latex, como observadora e fugaz modificadora, serviume para perderlle o medo e comezar a descubrir que posibilidades ofrecía.

Latex é unha ferramenta dixital coa que poñer bonito ese texto que tanto traballo che deu cavilar. A través de comandos indicas como queres ver o texto para que logo o programa o interprete con maior precisión e coherencia ao longo de todo o documento.

O asunto complicouse cando dedicín escribir un poemario, de súpeto o traballo de maquetado multiplicouse considerablemente. A colocación de versos, de palabras, de espazos… O maquetado mostrouse ante nós como unha gran cantidade de tarefas que non podían caer sobre as costas de ninguén máis ca min, pois era eu quen debía tomar as frecuentes decisións indispensables para a organización do contido.

Aviso para enxeñeiros: a linguaxe técnica non vai a conincidir cos nomes que como usuaria media me fun inventado durante o meu proceso de aprendizaxe. Os humanos terrenais precisamos entender as cousas ao noso xeito.

Daquela tiven que aprender a colocar os versos no seu lugar empregando os “indicadores” propios desta ferramenta. Dalgún xeito este forma de traballar lembroume a unha peza de teatro onde indicas o nome de cada persoaxe antes de escribir o seu diálogo. Xogando cos persoaxes básicos aos que chamei Señora Cursiva, Señor Subliñado ou Dona Negriña descubrín que había outras opcións: moitas! Comecei daquela a explorar a localización das palabras: que se centrado (un pedazo do verso por aquí), que se o outro identado (outro por alá) ou achegado ao lado dereito… Pouco a pouco vin como podía formar debuxos sinxelos empregando uns cantos “indicadores”.

Logo, no meu afán de “fuchicar a ver que hai” atopei a gran selección de realzados que posibilitan aumentar o espazo entre letras ou poñer maiúsculas do tamaño das minúsculas. Podía modificar o texto prácticamente ao meu antollo, con límites (como as cadeas do artista que baila entusiasmado) e con absoluta liberdade dentro deses muros. Fantasía! Iso era o que era: Fantasía editorial!

Nos editores de texto convencionais como o Word ou o LibreOffice dependes do teu ollo polo detalle para evitar pequenos erros que indignan ao lector puntilloso pero que teñen pouca relevancia artística. Con Latex podes centrarte na creatividade e confiar os detalliños técnicos ao software.

De súpeto, decateime de que con todas estas posibilidades podía transmitir aínda máis detalles que aqueles ditos polas palabras. Podía alzar a voz ou bisbar, podía empregar un ton de voz seco ou doce. Todo elo simplemente escollendo con sensibilidade artística as ferramentas que ofrece Latex, un software libre dispoñible para calquera.

O maquetado acostuma a ser un traballo relegado aos técnicos, aos editores que aseguran unha corrección e estética adecuadas para a venta do producto, porén o certo é que se algo nos ensimou Michael Ende con A Historia Inteminable é que os artistas debemos implicarnos en todos os niveis do proceso porque existe arte e creatividade agochada en cada recanto.

Se desexas ver e desfrutar do resultado desta aventura miña co maquetado podes facerte cunha copia do poemario Laídos Cardíacos visitando a Tenda de Eoditorial ou luciaferro.es

Comentarios

3 respostas a “Atopei inspiración da boa grazas a empregar este software libre”

  1. Avatar de Lucía Ferro

    @lucia_ferro@blogs.amarinha.gal No post de hoxe cóntovos como as aventuras da autoedición e as vantaxes do software libre levaron a miña creatividade ao seguinte nivel 🤠

  2. Avatar de Teresa Díaz Iglesias
    Teresa Díaz Iglesias

    Mui ben Lucía pero para facer todo eso hai que estar preparado,a todos nos gustaría, pero claro hai que saber.
    De todos modos gracias pola información a alguén seguro que lle vai valer 👍👍

    1. Avatar de lucia_ferro
      lucia_ferro

      O primeiro paso é que se coñeza a ferramenta e as súas posibilidades mais está claro que non todos temos que aprender, tamén nos podemos axudar uns aos outros. Xa sabes que contas connosco para botarche unha man cos teus futuros proxectos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *