Un relato para construír futuro
Este trátase dun relato para lembrarnos a todos que estamos a tempo de crear un futuro amable para todos, que pinta diferente pero promete tanto como desexamos. As imaxes que nos creamos na mente definen a dirección que escollemos. As decisións que tomamos veñen dadas polo destino que esperamos acadar. Creando relatos esperanzadores podemos chegar a un futuro que así o sexa.
Amencía aos poucos. Era o derradeiro día de inverno, unha desas mañás nas que se pode desfrutar dun radiante sol primaveral e a friaxe xa non é tanta. Paca sorbía o seu café envolta cun chal de la de ovella e sentada nos chanzos situados enfronte á porta da súa casa. O alboroto era esaxerado para aquela época, semellaba que os paxaros decidiran festexar aquel fermoso amencer.
A Paca gustáballe erguerse cedo porque eran aquelas horas as que lle permitían observar como animais diúrnos e nocturnos cruzaban os seus camiños. Unha sombra pasou preto dela e dirixiuse con seguridade ao poste que suxeitaba as caixas de aniñado de morcegos e lagarteiros. A hibernación xa rematara e os pequenos quirópteros comezaban a saír en busca de alimento. Por sorte, o mundo había moito tempo que cambiara e agora os campos de cultivo, os bosques nativos e as lagoas de apoio ofrecíanlles todo o que precisasen.
Ese mesmo equinocio facía douscentos anos do suceso que o cambiara todo: a morte de María del Mar Sagrado-Areas, a filla dun dos maiores capitalistas da industria química. Con tan só vinte e sete anos a súa vida chegou ao seu fin levando consigo a do que sería o seu fillo, supoñendo que non rematase nun aborto espontáneo como ocorrera cos dous primeiros. Ela era a segunda persoa máis rica de España naquel momento, pois a primeira era o seu pai, mais a acumulación de diñeiro non a protexera da contaminación que asolagaba as augas superficiais e subterráneas do seu país nin dos sibilinos efectos dos produtos que a súas empresas manufacturaban.
Un suceso tan tráxico como este é agora rememorado como un día cheo de esperanza xa que se trata do día no que un home con notable influencia sobre o mundo decidiu cambiar a súa forma de vida e en consecuencia a dos demais. Paca non pensa niso, ela emprega eses minutos de café para contemplar o seu fogar, para agradecer que cada mañá cacarexe o seu galo Alecio e ornee a súa burra Fátima. No que si pensa é na súa filla, que comezou os estudos superiores e agora se atopa a unhas ducias de quilómetros nunha academia rural de biotecnoloxía convivindo cun cento de estudantes e uns cantos profesores. Sofía medrou correndo polos soutos analizando cada fungo que aparecía, rolando no prado entre maceiras e apañando vermes ou sementes para ofrecerllos ás aves que se interesasen nela. O seu soño é o de coñecer a unha escribenta das canaveiras, un paxaro pequeno do que lle falara súa avoa e que nun tempo pasado estivera a piques de desaparecer.
Paca bota de menos á súa filla pero non se sente soa xa que a casa está chea e a aldea tamén. A súa muller, menos madrugadora, traballa como xestora de sistemas dixitais comunitarios asegurándose de que os servizos de entrega e recollida de froita, verdura e outros víveres locais funcionen de forma óptima. Foi a influencia desta mestura de nais a que inspirou a Sofía e a dirixiu cara unha vocación que fundise a tecnoloxía coa natureza. Fai douscentos anos parecía imposible. De feito, moitos crían que a epifanía do capitalista Sagrado-Areas esixía unha renuncia tecnolóxica que nos sumiría nun retroceso cultural. Lonxe de ser así, a nova visión do empresario proporcionoulle á natureza o apoio que existía pero non se lle estaba a dar.
Co café rematado e o sono espertado, Paca entrou na casa para facer a primeira tarefa do día. Colleu a súa tableta de traballo e comprobou como todos os sensores térmicos e químicos esparexidos pola finca marcaban rangos de normalidade. O análise bioquímico semanal das compostas e fermentos fertilizantes xa fora realizado e o resultado era positivo. As cámaras mostraban como os pericos estaban a mamar con normalidade e os tenreiros aínda durmían. Por último, abriu a aplicación do viveiro comunitario e comprobou se xa estaban dispoñibles os xerminados que solicitara. Podería ir aquela mesma tarde a recoller algunhas sementes e se cadra algunha outra planta que lle enchese o ollo.
Aínda que o sistema de monitoreo lle facilitaba o seu traballo, non escusaba a ronda de recoñecemento que facía cada día acompañada por Rabelo, o seu can, e Rafaela, unha gata persa que non fora adoptada pero que decidira que naquela casa se comía ben. Así pois, puxo as botas e colleu a vara de abeleira que acostumaba a tallar nos seus descansos. Xa tiña dous terzos gravados con motivos xeométricos. Cada inverno empezaba a esculpir unha vara e cada San Xoán torráballe os cantos na cachela para darlle unha cor afumada. A mediados do verán levábaa ao mar para limpala con auga salgada e ao chegar o fin das colleitas facíalle un axóuxere e colgáballo nun extremo. No intercambio de presentes do comezo do seguinte inverno, Paca escollía a unha persoa para agasallala con tan traballado obxecto.
Rabelo e Rafaela coñecían ben o camiño polo que se adiantaron deixando un pouco atrás á súa amiga. Paca sabía ben que Rafaela tiña especial gana de chegar á lagoa, pois alí ficaba hipnotizada observando a exuberancia da vida que aquelas augas albergaban. Fixeran falta máis de cincuenta anos para liberar o planeta da contaminación acumulada. Non é de estrañar que ao Sagrado-Areas se lle tratou de tolo esquizofrénico cando comezou a retirar os seus fondos da industria química tradicional e comezou a facer inversións de risco en negocios sostibles baseados nos principios da agricultura rexenerativa. A confianza que a xente tiña nesta práctica que nos salvou non era precisamente a que se merecía. Pódeselle escoitar falar disto á avoa de Paca cando senta no centro social, rodeada de oíntes curiosos, a contar as súas vivencias e memorias. Ela, unha muller de noventa e un anos lembra como cando era pequena aínda lle alertaban na escola dos perigos que aqueles velenos supoñía. Conta ela, que seu pai fora activista durante décadas combatendo a desinformación e propaganda que algúns antigos amigos de Sagrado-Areas se empreñaban en diseminar. Finalmente, un esforzo descomunal por parte de educadores públicos e medios de comunicación independentes conseguir achegar o coñecemento que permitiu o verdadeiro progreso humano.
Ao chegar ao cumio dunha valga, Paca fica uns minutos tratando de divisar a silueta da vila. Cas novas cubertas vexetais, os altos edificios son case imperceptibles entre o arboredo que recobre o espazos públicos. As cinco naves que compoñen o polígono industrial son o único que é capaz de distinguir con claridade debido ao aspecto característico dos paneis solares que as recobren. Recoñece facilmente a planta de reciclaxe de papel e cartón xa que é alí a onde vai recoller as caixas e bolsas que emprega para empaquetar os seus produtos. A uniformación das embalaxes fora un cambio que enrabiara a moitos pois sen ela non tiñan como destacar mais agora que a calidade do produto é o único que importa o relevante son só as mans que o manipulan. Por elo, cada agricultor, gandeiro ou artesán dispón dun selo oficial entregado polo goberno co que se pode identificar a súa mercancía. No caso de Paca, a súa marca son as súas mazás as cales son insuperables na contorna e devecidas por calquera ollo consumidor.
Baixando a valga en dirección á lagoa, o gando saudouna como se houbese días que non a visen, a pesares de que a visita Paca non falta se non é por enfermidade. Tócalles cambiar de campo pois xa levan unhas cantas semanas no mesmo cuadrante. Saca do peto o teléfono móbil e abre a aplicación de pastoreo controlado. Alí pode comprobar a que pedazo de prado lle corresponde ser abonado e polo tanto que herba será pastada. Unha vez que o ten ben identificado desconecta o sistema de alarma e o pastor eléctrico para poder abrirlles o paso cara outra parcela. Mentres elas fan o traslado, coñecedoras da dinámica que se está a xogar, Paca aproveita para achegarse ao alpendre que construíra xa seu pai e que aínda se mantiña en pé. Dalí saíu cun cepillo de púas brandas e empurrando un carriño cargado cunha gran rocha de sal. Tirou del e levouno ata a parcela na que as vacas ían a pasar as próximas semanas. Logo buscou asento nunha pedra de granito e esperou a que os animais se achegasen para ser rascados. Namentres, Rabelo estaba a ser perseguido por un tenreiro pequeno con moitas ganas de xogar e a Rafaela lambíaa unha vaca preñada coa que fixera migas daquela que era aínda unha xatiña.
Pasou un bo cacho antes de que continuasen co paseo xa que con cada acicalado Paca comprobaba que ningún animal tivese parasitos ou malestar de ningún tipo. Despois de ser ela tamén lambida por a mesma vaca preñada, botáronse de novo ao camiño ata que alcanzaron a lagoa. Nada ía facer máis que observar pois ás moreiras e framboeseiros que alí tiña plantados aínda lles faltaban uns meses para dar froito. Aproveitou a ocasión para enviarlle unha mensaxe a Sofía achegando unha video de Rabelo e Rafaela pelexando porque o can se metera na auga e chapuzara á gata. Sofía contestoulle expresando canto botaba de menos o seu fogar pero devolvéndolle a envexa a súa nai ao mandarlle unha fotografía dunha escribenta das canaveiras pousado no seu brazo. A súa filla cumprira un soño que facía douscentos anos non houbese sido posible.
Con este texto Lucía Ferro colaborou na iniciativa de relatos Ecotópicos organizada por Ecoloxistas en Acción durante o 2024.
Deixa unha resposta