Nas próximas eleccións eu non vou votar, non porque non queira, se non porque non me está permitido xa que os galegos residindo no estranxeiro non poden participar nas eleccións municipais. Iso non significa que me despreocupe, todo o contrario, pois os resultados das eleccións determinarán as miñas posibilidades de retornar a Galicia.
n
Eu son filla deses que chaman Boomers, unha xeración que naceu durante unha ditadura medrando coa esperanza do progreso económico. A min tócame ser Millenial, nacidos no cume da prosperidade e madurando nas profundidades de múltiples crises. E quen son os Z? A incerteza na que se están forxando convérteos na xeración de cristal, non porque rompan con facilidade, se non porque a honestidade máis cristalina é a única baza da que dispoñen. Nas mans destas tres xeracións está o futuro.
n
A cultura do esforzo pegou forte na primeira xeración. Tiveron pais sufridores dun réxime estrito no que, se non te adaptabas ás demandas do poder, as túas expectativas minguaba a golpe de porra. Así é que ven a alternativa liberal con ollos larpeiros posto que lles ofrecía todo o que o puritanismo de Franco lles tiña prohibido. A ditadura fixo que España fose atrasada no seu progreso tecnolóxico e industrial. Esta xeración madurou vendo como outras nacións, ademais de maior liberdade, posuían abundantes luxos suculentos para o adulto en desenrolo, luxos que coa apertura do país a Europa semellaban finalmente ao seu alcance.
n
Nesta tesitura, os Boomers tiñan vinte anos e a oferta laboral era ampla. Se traballaban a esgalla, recibían diñeiro á esgalla, e ese diñeiro gastábano en compracer eses desexos materialistas que semellaban darlles a liberdade coa que non naceran. O traballo sen medida recompensounos reiteradamente. Foron frecuentes as vivendas en propiedade sen precisar hipoteca e o acumulo de obxectos, innecesarios para a supervivencia, manxares para o ego, iso que o meu grupo social denomina postureo. O liberalismo salvábaos das penurias dunha cárcere mental creada polos barrotes que a pobreza dos seus proxenitores e a dureza do autoritarismo lles construíra.
n
Os Milenials, en cambio, observamos como ese traballo sen medida nin descanso desenlazaba na decepción. Vimos con ollos estudosos como a burbulla estoupaba e con ela o noso futuro. Aqueles que, aínda adolescentes, optaran por subirse á ola do salario rápido ofrecido polo mundo da construción e os seus derivados como o turismo, desfrutaron duns anos de abundancia que semellaban corroborar o que as xeracións previas nos contaran. Pouco tardaron en sufrir a realidade, cun golpe devastador desapareceu a fartura, deixándoos sen estudos e sen medio de vida algún.
n
Os que tivemos sorte, aproveitamos o que quedaba das becas que o goberno implantara durante esa época de florecemento, co temor constante de perdela, coa presión de escoller o camiño equivocado, pero polo menos desfrutamos de catro anos dunha educación superior que nos prometía un posto laboral digno. Ese plan, o de estudar na universidade e logo traballar nunha oficina como os señoritos, todo o que facía era prometer, pois rematamos a nosa formación para atoparnos cun mercado laboral que non nos deixaba oco. Non só iso, se non que a xa asentada xeración Boomer, retrocedía sobre os seus pasos para adaptarse á precariedade que tanto temían. Por suposto que os universitarios puideron optar a empregos lixeiramente mellor pagados pero o traballo sen medida nin descanso deixaba de supor unha fonte inesgotable de luxos materiais e convertíase nunha competición pola mera supervivencia. Manter o status quo para evitar caer máis baixo aínda é a día de hoxe o cantar de moitos paxaros. Sabemos que a rede de seguridade social que nos permitira estudar xa non estaba aí e por tanto,se caemos, non hai nada que nos poida soster.
n
Por elo é, que como Millenial, foi o socialismo o que me demostrou resultados ao darme a posibilidade de adquirir unha educación que doutro xeito eu non podería pagar e ao apoiarme cunha pensión de orfandade cando xa non había quen me apoiara. Por que cando naces nos primeiros chanzos da pirámide o único que che pode aliviar o sufrimento é unha sociedade que non só ofreza unha terra prometida á que chegar se non que lle asegure o bote salvavidas a cada un dos seus cidadáns. Un pode nadar moi ben e bracear con perseveranza pero un océano nunca se cruzará a nado.
n
A sociedade galega, ao igual que o mar Mediterráneo, son augas perigosas para a xuventude. Temos, por un lado, unha xeración que coñece ben o orgullo dos Boomers, que se esforzaron máis do que os seus corpos puideron asimilar ignorantes de que destruían a natureza ao seu paso. Por outra banda, está a impotente frustración dos Millenials, que decepcionados por un soño roto somos incapaces de imaxinar un futuro que non sexa distópico, e a miúdo ficamos inmóbiles ante a inxustiza.
n
Finalmente, aqueles que pertencen á xeración Z vense cun reloxo colgado ao colo que lles indica o tempo restante para a implosión do cambio climático. Malia as súas lexítimas preocupacións, non se lles permite entrar nas dinámica socioeconómicas e políticas sen non están dispostos a someterse ao sistema neoliberal. Non é sorpresa que, levados pola desesperación, moitos acepten as condicións deixándose levar por praceres inmediatos que calmen temporalmente esa ansiedade e ese medos que os máis vellos non sabemos como aliviar.
n
E é que non os podemos responsabilizar, somos as xeracións con máis experiencia quen temos a obrigación de ensinar aos máis novos a navegar a vida, e somos as xeracións previas as que nun principio, co noso exemplo, lles ensinamos a non permitirse sufrir e a gratificarse cando a mente chegou ao seu límite. Estáselles a pedir que rendan, que produzan, que xeren, para logo, no canto de abundancia, deixarlles un planeta desbaratado e a responsabilidade de reconstruílo. É lóxico que non lle atopen sentido a ese modo de vida, pois non o ten, xa que rendendo como o sistema esixe, producindo a este ritmo e xerando esa riqueza que fica só nas mans duns poucos, estamos agravando a situación e empurrándoos cara un futuro aínda peor.
n
Á xeración do Baby Boom salvouna o liberalismo, a nós os Millenials, o socialismo; e pregúntome eu: que os salvará a eles que desfrutan dos índices máis altos de ansiedade e suicidio que se viron dende a segunda guerra mundial? A meritocracia? Esa cenoria neoliberal que nos fixo correr cada vez a maior velocidade pero que cada vez se afasta máis? Ou un estado de benestar con altos impostos pero con abundantes axudas sociais?
n
Só podo darvos unha resposta a esas preguntas e, como boa galega, tamén acaba cun interrogante: Canta propiedade privada, cantos luxos e que gran fortuna cederías se che asegurasen o amparo social necesario para una supervivencia digna de por vida?
Deixa unha resposta